Promoción Económica impulsará diversas accións para dinamizar e potenciar a imaxe dos comercios das Galerías Oliva

84
  • O colectivo de comerciantes, afectados polas obras de demolición, traslada ao portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, o seu desexo de que se reabra e manteña o acceso a este espazo comercial a través da rúa Gutiérrez Mellado

Varios membros da asociación de comerciantes das Galerías Oliva mantiveron esta mañá unha reunión co portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e a concelleira de Promoción Económica e Comercio, Yoya Blanco, para abordar a súa preocupación ante o peche do acceso a este espazo comercial a través da rúa Gutiérrez Mellado (por mor das inminentes obras de demolición que executará Hercor Inversiones SL). Os membros do colectivo solicitáronlle a Puentes que o Concello reabra o paso peonil nesta ‘arteria’ das Galerías cando menos mentres non se inician os traballos e que se garanta o acceso unha vez que se leve a cabo o proxecto.

Neste sentido, o portavoz socialista ofreceuse a facilitarlles asesoramento legal e a explorar as vías existentes para que se estableza unha posible zona de servidume de paso que recupere o tránsito que desde Gutiérrez Mellado. “En paralelo, dada a preocupación dos comerciantes, consideramos imprescindible impulsar diversas accións de dinamización e potenciación da imaxe das Galerías Oliva, polo que a Concellería de Promoción Económica e Comercio xa ten en marcha non só unha campaña específica de Entroido, senón tamén un plan de dinamización que comezará coa instalación dunha nova cartelería e sinaléctica unificada”, anunciou Iván Puentes.

Asemade, segundo precisou Yoya Blanco, “buscaranse maiores sinerxías entre os diferentes espazos, aproveitando para facer máis exposicións, como a mostra de traxes tradicionais galegos, colaborar máis a miúdo coa facultade de Belas Artes, organizar actividades para os máis pequenos, potenciar os accesos desde a rúa da Oliva con decoracións atractivas ou ‘sacar’ os comercios á rúa coa instalación de elementos de atrezzo e mobiliario”. “Á marxe de que se poida ou non reabrir o acceso desde Gutiérrez Mellado, imos facer todo o que estea nas nosas mans para encher de vida este espazo comercial con tantas posibilidades”, apuntou Blanco.