A sexta edición de ‘As mulleres que opinan son perigosas’ volve ao Teatro Principal cun impresionante programa de poñentes 

147
Mara Torres, María Guerra, Sindy Takanashi, Laura Ferrero, Marta Peirano, Antía Paz ou Rosa María Calaf, entre outras, conversarán diante do público do Principal os días 17 e 18 de marzo
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, agarda que citas como esta acaben por ter unha repercusión positiva na sociedade «máis cedo que tarde» 

A sexta edición do ciclo ‘As mulleres que opinan son perigosas’ será unha realidade entre os días 17  e 18 de marzo. Cun renovado programa e con novas voces chegan estas novas xornadas organizadas baixo a batuta das xornalistas Susana Pedreira e Diana López, coa promoción e colaboración do Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra.

Unha das principais novidades deste ano é a recuperación do Teatro Principal como espazo principal para o desenvolvemento do encontro, que se agarda cheo para as nomeadas datas de celebración. Cómpre sinalar que se ben a entrada é libre, as organizadoras recomendan facer uso do formulario de inscrición para a reserva de butaca.

Doutra banda, esta nova edición contará co I Premio de Xornalismo de Opinión As mulleres que opinan son perigosas, tal e como indicou Diana López durante a presentación do encontro. «Para nós é importante poder engadir un chisco máis a ese mundo da opinión feita por mulleres. É importante non só xuntar a mulleres que fan opinión e a mulleres xornalistas en xeral, senón promover a promocionar esa canteira de mulleres opinadoras que non sempre é tan fácil atopar. Seguimos sendo menos que homes nas páxinas e nas tertulias. Animamos a todas as mulleres a que se animen a participar».

No premio, calquera muller maior de idade pode participar cun texto de creación de seu, publicado nalgún medio ou non. Haberá dous premios, un para o mellor artigo escrito en lingua castelá e outro para o de lingua galega (cada un deles de 1.000 euros).

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que «as mulleres que opinan non son perigosas, son imprescindíbeis» e sinalou a importancia dunha cita que reivindica cuestións tan básicas como a posibilidade de ler e escoitar a mulleres en todos os eidos informativos da sociedade, xa que «sempre será positivo que máis mulleres opinen nos medios de comunicación».

«As mulleres teñen dereito a estar representadas. Teño que insistir: as mulleres son imprescindíbeis en todos os eidos da vida e da sociedade. », indicou o rexedor. «Creo que se vai avanzando, quero ser positivo. O traballo de mulleres como Susana ou Diana, e en xeral de todas as mulleres, acaba dando os seus froitos».

A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor o traballo «único» de Susana Pedreira e Diana López Varela «por seguir empurrando deste proxecto, dos máis relevantes que se fan en todo o Estado», que naceu no 2018 como resposta a un congreso sen presenza feminina «pero que, tristemente no 2023, segue sendo tan imprescindible como era entón, aínda que agora máis que de denuncia é de militancia activa en favor da opinión das mulleres». 

Neste senso, puxo como exemplo que na xornada deste luns 27, o 81,6% dos artigos escritos nos principais xornais da comunidade están escritos por homes e mesmo en dous, non figuraba ningún artigo asinado por unha muller. «Esa é a realidade do luns, do martes, do mércores… e a realidade do 2018 ao 2023 –criticou-, a pesar de que hai mulleres potentísimas, grandísimas expertas en calquera cousa que se queira escribir». Carmela Silva insistiu afirmando que «é castrador como sociedade que a xente non poida saber o que pensamos o 51% da poboación».

Fronte a esta situación, destacou a aposta das dúas xornalistas por seguir contando no foro «con mulleres de altísimo nivel, coñecidas e recoñecidas, que reflexionan sobre cuestións moi relevantes, que converten á cidade de Pontevedra e á provincia na capital das Mulleres que Opinan» e unha referencia en Galicia e o Estado. A presidenta agradeceu a colaboración do Concello de Pontevedra e o alcalde e destacou así mesmo a importancia do novo premio «que anima moito a avanzar, porque amais de denunciar, queremos reflexionar e actuar para incrementar eses datos e que algún día poidamos seguir celebrando este congreso aínda que a opinión sexa xa paritaria, porque nos apaixona escoitar a mulleres que tanto teñen que aportar».