Campolongo conta cun novo acceso directo á Avenida de Vigo trala apertura do vial nos antigos terreos da ONCE 

127
O alcalde recepcionou esta mañá o novo trazado que vai desde a rúa Luís Braille até o barrio de San Brais e conecta logo coa rúa Urbano Lugrís, permeabilizando toda esta zona da cidade 

A nova conexión entre o barrio de Campolongo e a Avenida de Vigo é xa unha realidade. O proxecto de reurbanización da contorna asociada coa ONCE remata a súa primeira fase achegando e unindo varias zonas da cidade como son San Brais, Campolongo e a Avenida de Vigo.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou esta mañá no acto de recepción da obra que permitiu a creación deste novo trazado, que vai desde a rúa Luís Braille, pasa por diante do Centro Sur e a ONCE e sube até o aparcadoiro de bordo desta zona —ao carón do IES Torrente Ballester—, conectando deste xeito coa rúa Urbano Lugrís e logo∫ coa Avenida de Vigo.

«Por fin podemos celebrar a finalización desta obra que crea unha nova conexión na cidade, que osixena e permeabiliza esta contorna e ofrece unha continuidade viaria, de alta calidade urbana, con anchas beirarrúas, boa iluminación pública e mobiliario urbano», sinalou o rexedor. «Todo isto permitirá un mellor acceso a toda esta zona, tanto a pé como en coche, ao Centro Sur ou ao edificio da ONCE».

Lores lembrou tamén que nunhas semanas o Concello inaugurará tamén a nova residencia de Amencer. «Quero agradecerlle á ONCE que adiantara esta urbanización, que estaba previsto para máis adiante, pero que finalmente aquí está. Pronto se adxudicará a segunda fase, e creará un vial perimetral nos antigos terreos da ONCE, percorrendo o antigo muro, o instituto, baixará até María Vitoria Moreno e tamén até Luís Braille e Alfonso X», explicou o alcalde. «Estamos falando de 6.500 metros cadrados de espazo público cedido pola súa banda e da posibilidade de integrar todo este espazo que tiña a ONCE dentro da propia cidade».

A creación e urbanización deste vial contou cun orzamento de 550.000 euros. Polo momento non terá nome, sendo a comisión de Cultura a encargada de poñelo logo de estudar as posíbeis propostas que se fagan, que deberán ter en conta os criterios actuais do Concello de Pontevedra á hora de nomear o rueiro municipal, tratando de incrementar o número de rúas con nomes de muller dunha banda e, doutra, respectar a toponimia tradicional da zona.