O Concello de Pontevedra solicítalle á Xunta que desenvolva o plan de ampliación do Polígono do Campiño antes do 2026 

22
Esta actuación aparecía incluída no ano 2014 dentro do propio plan sectorial de áreas empresariais de Galicia aprobado pola entidade autonómica
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinala que de non ampliarse a oferta de chan industrial no municipio estaríase a «estrangular» a posibilidade de acoller novos proxectos 

O Concello de Pontevedra vén de solicitar de xeito oficial o desenvolvemento da ampliación do Polígono do Campiño, tal e como informou esta mañá o alcalde do municipio, Miguel Anxo Fernández Lores. «Trátase dunha ampliación inicialmente recollida na aprobación inicial do novo PXOM, xunto con outros polígonos industriais e zonas comerciais, que sumaban preto de dous millóns de metros cadrados de chan industrial e comercial, pero que tivo un informe negativo da Xunta de Galiza para a súa aprobación», lembrou o rexedor.

Co fin de dar contexto a toda a situación, Lores sinalou que a Xunta aprobou no 2014 o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galiza, aparecendo aí unha ampliación para o polígono do Campiño, cunha superficie semellante en superficie e de situación a que estaba prevista polo Concello. «Tiña unha previsión de execución de entre 2015 e 2024. A propia Xestur alegou para que fose incluída —a ampliación— como unha área de carácter estratéxico a desenvolver na primeira parte dese período. O caso é que a día de hoxe non se iniciou ningunha tramitación e temos argumentos de sobra para pedir que se faga».

Lores indicou que «se a propia Xunta recolle este posicionamento, se ademais o Concello tamén quere que así se faga», non hai motivo para non facelo. «Temos o polígono industrial Campiño-Reigosa, que lle quedan 13 parcelas sen ocupar ou sen vender, e o de Curro 19… Haberá que facer unha previsión de nova creación de terreos informais. Se non se fai estaríase a estrangular a posibilidade de acoller proxectos. O polígono do Campiño ten todos os servizos necesarios —auga, saneamento…— e sería doado e máis económico facer a súa ampliación que establecer un polígono noutro espazo. Ademais está xa a punto de rematar a primeira fase da A-57, agardemos, polo que ofrecería unha conexión directa cunha boa vía».

O rexedor lembra que se pode executar algún proxecto por fases, que permita a súa finalización antes do 2026. «Este Concello está nun momento no que hai unha altísima actividade económica e non queremos que se vexa freada esa xeración de postos de traballo, e para iso é preciso que se leve a cabo a creación de novos terreos industriais. A Xunta ten competencia para desenvolvelos e contará co apoio do Concello».

O alcalde fixo fincapé en que a actividade económica existente en Pontevedra está máis que demostrada «a todos os niveis»,  polo que é preciso evitar calquera tipo de estrangulamento a curto ou medio prazo.