Promoción Económica lanza a I Feira de Sabores Sen Glute coa presenza de 30 expositores na Praza de España

700
  • O evento, que se celebrará esta fin de semana, busca visibilizar a problemática que padecen cada día as persoas celíacas e poñer en valor ás empresas que enfocan a súa produción á elaboración de produtos sen glute, ofrecendo unha ampla variedade de alimentos e bebidas, tanto para degustar como para mercar

Facer visibles os problemas que sofren cada día as persoas celíacas e poñer en valor o labor das empresas que enfocan a súa produción á elaboración de produtos sen glute son os principais obxectivos cos que a Concellería de Promoción Económica organiza a I Feira Turismo de Sabores Sen Glute. O evento, que abrirá as súas portas ao público na Praza de España o sábado 25 e o domingo 26 de marzo en horario de 11:30 a 20:00 horas, contará cunha trintena de expositores que ofrecerán unha ampla variedade de alimentos e bebidas sen glute, tanto para degustar como para mercar.

Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, esta feira “nace co obxectivo de potenciar un sector alimenticio cada vez máis demandado polos propios consumidores e polos produtores, xa que, aínda que se mellorou de xeito considerable a súa oferta durante os últimos anos, é necesario continuar co traballo de sensibilización neste eido”. “Animamos a toda a cidadanía a que se achegue ata a Praza de España -sinala a edil do PSOE- a que se acheguen a coñecer as moitísimas propostas e novidades que hai no sector. Adaptaremos un dos stands para que os asistentes poidan resolver calquera dúbida que xurda e outro para os produtores e empresas interesados poidan realizar negocios de colaboración ou networking”.

Segundo avanza Blanco, entre os produtos que poderán degustarse e mercarse na I Feira Turismo de Sabores Sen Glute inclúense bebidas de hidromel, meles, queixos, pementón, marmeladas, embutidos, anchoas, elaboracións artesanais con algas variadas, garavanzos, arroces, fideuás, caldeiradas de peixe, cogomelos, aceites, licores, chocolates, patés, caramelos, conservas, cervexa, café, cocktails, cremas de froitos secos, receitas con flores e bagas do saúco, elaboracións con fariña de castaña, sidra, polo frito e diversos artigos de alta cociña e delicatessen.

Os expositores que terán presenza nesta feira son os seguintes:

  1. Hidromel Fenrir Galicia (bebida de hidromel)
  2. Abella Menciñeira (mel)
  3. Queixería Doña Leonor de Alburquerque (queixo)
  4. La Ristra (pementón)
  5. Nela Gourmet (marmeladas)
  6. Marcelino Ibéricos (embutidos)
  7. Sabores de Cantabria (anchoas)
  8. Algamar (elaboracións artesanais con algas variadas)
  9. La Brañuca (queixo picón e queixo fundido en oruxo de Potes)
  10. Calabizo (garavanzos, embutidos…)
  11. Mar González Distribuciones (alta cociña en arroces, fideuás, caldeiradas de peixe…)
  12. O Berce (tenda gourmet)
  13. Maremonte (cogomelos)
  14. Aceites Florencio Aguilera (aceite)
  15. Terras de Boborás/Doce Bágoa (licores, chocolate, cremas de chocolate, mel…)
  16. Cien por Cel (patés)
  17. Caramelos el Abuelo
  18. Mareterra Conservas
  19. Adegas Menduíña
  20. Cervexa Nasa
  21. O Ratiño Pequeno (coffee e cocktails)
  22. Lenatt (cremas de froitos secos)
  23. Carabuñas (receitas con flores e bagas do saúco)
  24. O Submarino de Sabores (elaboracións con fariña de castaña)
  25. Sidrería Pago de Tolina
  26. Pepa A Loba
  27. Mel Aialma
  28. El Rey del Pollo Frito
  29. Alacena Productos Delicatessen