O Concello contará co apoio dun despacho especializado á hora de seguir loitando pola recuperación da ría 

138
Os servizos xurídicos municipais recomendaron a contratación do despacho CSS Abogados, cuxo equipo traballará en coordinación co equipo local á hora de presentar os vindeiros recursos en relación coa sentencia do Tribunal Supremo e a prórroga de Ence
A día de hoxe, o Concello ten pensado presentar un incidente de nulidade e un recurso de amparo fronte ao Tribunal Constitucional 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para ofrecer novidades ao redor da sentencia do Tribunal Supremo en relación con Ence. Tal e como lembrou de novo, o obxectivo que se pon o Concello de Pontevedra é o de recuperar a ría  por todas as vías posíbeis, «por terra, mar e aire», polo que o rexedor anunciou que o equipo xurídico do Concello decidiu ampliar o equipo de traballo municipal e buscar xuristas con «recoñecida solvencia e experiencia neste tipo de procesos».

«A recuperación da ría é unha cousa moi seria. Despois de analizar as posibilidades que había decidiuse contratar ao despacho CCS Abogados, despacho de gran nivel, con sede en Galiza e Madrid, con máis de 70 avogados, que constituíu un equipo para os procesos que están por vir formado por Ángel Juanes Peces, expresidente do Tribunal Supremo, expresidente da Audiencia Nacional e exletrado do Tribunal Constitucional; Almudena Fernández Carballal, profesora titular de Dereito Administrativo na Universidade da Coruña; Ángel Judel Pereira, asociado sénior do equipo CCS; e David Rodríguez Hidalgo, tamén asociado sénior do equipo CCS. Todos eles serán coordinados por Francisco Caamaño Domínguez, exletrado do Tribunal Constitucional e doutor en dereito», indicou Lores.

O equipo especializado estará coordinado co equipo xurídico municipal e presentarán dous recursos distintos. Dunha banda o incidente de nulidade —aprobada a súa presentación con anterioridade, e presentado a coñecemento o pasado 13 de marzo pola portavoz do Goberno, Anabel Gulías—, doutra banda o recurso de amparo fronte ao Tribunal Constitucional.

Os custes destes recursos son de 8.500 máis IVE para o incidente de nulidade, e de 18.000 máis IVE. Para o recurso de amparo fronte ao Tribunal Constitucional. «Parécennos uns prezos axeitados para este tipo de cuestións, e cómpre sinalar que non é a primeira vez que o Concello recorre a asesorías externas cando aborda cuestións específicas que precisan de certa experiencia previa», sinalou o alcalde. «O equipo que aceptou o encargo considera que é un reto este proceso xudicial e, polo tanto, adicaranlle todos os esforzos necesarios. Está en xogo a viabilidade da Lei de Costas e acollen o proceso con interese e con gana de conseguir levar o gato á auga».