Iván Puentes proxecta a creación dun Parque da Camelia nunha enorme zona verde situada entre as rúas Ernesto Caballero e José Malvar

189
  • O portavoz municipal do PSOE explica que o plan para o desenvolvemento urbanístico da zona verde prevista polo PXOU na Unidade de Actuación 23, cunha superficie de máis de 11.000 metros cadrados (case dúas veces o campo de fútbol de Pasarón), incluirá a súa urbanización, a dotación de mobiliario e iluminación e a instalación dun novo parque infantil
  • Segundo sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, o proxecto, que suporá un investimento de 1,5 millóns de euros, “xa conta cun importante financiamento pola canle dos fondos Next Generation: a vía verde entre Pontevedra e O Salnés recollida no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) foi subvencionada cunha achega de 900.000 € e este espazo verde inclúese no seu trazado”

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, proxecta dotar a unha das máis importantes bolsas de solo verde da zona Leste da cidade, a UA 23, situada entre as rúas Ernesto Caballero e José Malvar, nas inmediacións da pasarela do tren, dun Parque da Camelia que exhiba varias das variedades máis singulares e prezadas no mundo e que se converta nun espazo simbólico. Esta proposta formúlase dentro dun ambicioso plan de desenvolvemento urbanístico iniciado cun proceso de expropiación das propiedades incluídas nesta unidade de actuación (ao igual que aconteceu coas parcelas da traseira do Pavillón dos Deportes), prevista polo PXOU como zona verde, contemplando a urbanización e mellora paisaxística de todo o contorno, a creación dun novo parque infantil e a instalación de mobiliario e iluminación.

Segundo explica o portavoz municipal do PSOE, “o conxunto de parcelas que conforman esta enorme zona verde suman máis de 11.000 metros cadrados, isto é, case dúas veces o terreo de xogo do campo de fútbol de Pasarón, polo que esta intervención traducirase no desenvolvemento urbanístico dunha zona da cidade que se atopa agora mesmo incompleta”. “Pontevedra é a cidade da camelia -sinala Iván Puentes-, pero carecemos dun lugar representativo cunha colección de variedades de camelias orixinais e singulares. Queremos crear un parque dedicado á camelia, que se converta nun espazo simbólico e representativo para a cidade, incorporando variedades valoradas polas súas flores, olor, características e porte, e esta zona verde situada na traseira de Ernesto Caballero parécenos moi acaída para ubicalo, xa que ten unhas condicións de sombra apropiadas para a camelia e un chan bastante fértil”.

Tal e como lembra Puentes, “este desenvolvemento urbanístico iniciouse por unha das vías que a lexislación establece, ao igual que a da compensación, que é a vía dunha expropiación que solicitaron os propios veciños”. En virtude do proxecto básico elaborado polo enxeñeiro técnico agrícola José Manuel Pino e que Iván Puentes vén de asinar (un documento administrativo necesario para iniciar o antedito procedemento expropiatorio), os obxectivos do proxecto pasan por mellorar o valor paisaxístico do espazo mediante a dotación dunha mellor composición a nivel de xardinería, así como das instalacións de rega que permitan a conservación dos seus valores estéticos, a creación dun parque dedicado á camelia, a instalación dun parque infantil que complete a oferta deste tipo de equipamentos no barrio e a xeración de ámbitos de socialización comunitaria, encontro e realización de actividades lúdicas mediante a dotación de áreas de estancia dentro do parque.

Inspirado nun catálogo publicado en 1882 pola Escola Práctica de Agricultura de Pontevedra, impulsora do cultivo da camelia na provincia

O futuro Parque da Camelia inspirarase nun Catálogo de Árbores, Arbustos, Plantas, Bulbos e Sementes publicado en 1882 pola Escola Práctica de Agricultura de Pontevedra, unha institución de vida efémera que estaba situada na Caeira, que dependía da Deputación, cuxa principal actividade estaba dirixida ao deseño de xardíns e explotacións agrícolas e que impulsou a entrada e o desenvolvemento do cultivo da camelia na provincia de Pontevedra e en Galicia.

Iván Puentes indica que as actuacións contempladas neste proxecto, que suporán un investimento que rondará os 1,5 millóns de euros, “xa contan cun importante financiamento pola canle dos fondos Next Generation: a futura vía verde que conectará Pontevedra e O Salnés e que recolle o noso Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) foi subvencionada cunha achega de 900.000 € e este espazo verde que transita por Ernesto Caballero inclúese no seu trazado”. “Unha parte dos cartos que se destinará á vía verde reverterá na transformación deste contorno”, asegura o socialista.