A I Xuntanza de Palilleiras reunirá este sábado 1 de abril nas Galerías da Oliva a un centenar de mestras do encaixe

70
  • O evento organizado polo colectivo de Palilleiras de Pontevedra A Fieitiña en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e a Asociación de Comerciantes das Galerías da Oliva convida aos pontevedreses a apreciar e adquirir os mellores traballos artesanais realizados coa técnica do encaixe de bolillos

No marco das actividades de dinamización impulsadas neste espazo comercial, as Galerías da Oliva acollerán este sábado 1 de abril entre as 10:30 e as 13:30 horas a súa I Xuntanza de Palilleiras. O evento, organizado polo colectivo de Palilleiras de Pontevedra A Fieitiña en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Asociación de Comerciantes das Galerías da Oliva, contará coa participación dun centenar de mestras do encaixe de bolillos, permitindo que o público asistente poida adquirir as distintas pezas elaboradas polas artesás e material para traballar que resultan bastante difíciles de adquirir noutros lugares, así como apreciar as obras exhibidas por palilleiras e colectivos procedentes de Pontevedra e a súa comarca e doutros municipios do contorno (Vilanova de Arousa, Marín, Mos, A Lama, Cambados…).

Ademais, o profesor e escritor Mario Gallego Rey estará presente nas Galerías para asinar uns libros centrados nesta arte do encaixe e darllos como agasallos tanto ás palilleiras como aos cidadáns que se acheguen (ata esgotar existencias). Gallego, cuxo vencellamento co encaixe xurdiu na súa etapa como mestre en Camariñas, realizou importantes investigacións que permitiron recuperar modelos de puntillas antigas.

A concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, convida a tódolos pontevedreses e pontevedresas “a pasar polas Galerías da Oliva para desfrutar duns traballos que forman parte do noso acervo cultural e que, en moitos casos, son verdadeiras obras de arte”.