O Centro Deportivo Municipal de Campolongo estrea 66 módulos fotovoltaicos que permitirán reducir as súas emisións de CO2 en 143.716 quilos durante os vindeiros 25 anos

59
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, asegura que con estes novos paneis solares, que se suman aos 96 que a concesionaria BeOne Servicio xa instalara neste complexo nunha primeira fase, o centro pontevedrés sitúase na vangarda da sostibilidade, amosando o seu compromiso medioambiental e facendo posible que preto dun 40% da súa enerxía sexa de autoconsumo
  • Os 162 paneis fotovoltaicos cos que conta o complexo deportivo nestes momentos suporán unha redución global duns 252.000 quilos nas emisións de CO2

O Centro Deportivo Municipal de Campolongo vén de estrear 66 módulos fotovoltaicos que permitirán que o complexo reduza as súas emisións de CO2 en 143.716 quilos ao longo dos seus 25 anos de vida útil. Os novos paneis, que se suman aos 96 que a concesionaria BeOne Serviocio xa instalara neste ximnasio nunha primeira fase, serán capaces de producir 40.716 kWh de enerxía solar cada ano, dispoñendo dunha potencia total de 39,6 kW.

As obras realizadas para a dotación dos módulos foron supervisadas esta mañá polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, quen asegurou que “esta aposta pola xeración de enerxía solar sitúa ao Centro Deportivo Municipal de Campolongo na vangarda da sostibilidade e pon de manifesto o compromiso medioambiental existente na súa xestión, ao facer posible que preto dun 40% da súa enerxía sexa de autoconsumo”. Non obstante, Puentes, que estivo acompañado na súa visita polo director do complexo deportivo, Jose Bamio, e polo concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, lembrou que “a concesionaria BeOne Servicio leva anos aplicando diferentes medidas dentro do seu plan de sostibilidade: ademais da instalación de placas fotovoltaicas, neste centro deportivo recíclanse a maioría dos materiais e tamén contan con billas e duchas con redutores de caudal”.

“Asemade, a piscina dispón de desinfección por luz ultravioleta, o que permite reducir o uso de químicos; as climatizadoras contan con recuperadores de calor e válvulas termostáticas para as duchas; o sistema de iluminación ten luminarias Led temporizadas e detectores de presenza con infravermellos en diferentes espazos para o aforro de enerxía, así como con estabilizadores intelixentes de tensión que evitan flutuacións e conseguen unha solución perfecta entre eficiencia enerxética e calidade”, apuntou Iván Puentes.

A meta do Grupo BeOne, dentro deste plan de sostibilidade e seguindo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 de Nacións Unidas, é instalar placas fotovoltaicas en tódolos centros deportivos que xestiona antes de 2025, acadando un autoconsumo do cento por cento de enerxías renovables en tódolos seus procesos.