Pontevedra xa desfruta do novo parque que homenaxeará á mestra Daría González en Joaquín Costa

36
  • A veciñanza estrea unha zona verde que segue a presidir a súa emblemática palmeira e que a Concellería de Desenvolvemento Sostible, que dirixe Iván Puentes, dotou de sendas, fermosos espazos axardinados e áreas de estancia con mesas e bancos, co obxectivo de convertelo nun punto de encontro e socialización comunitaria

Os pontevedreses xa poden desfrutar dunha nova zona verde dotada de sendas, fermosos espazos axardinados e áreas de estancia e sombra con mesas e bancos na confluencia de Joaquín Costa con 12 de Novembro. O coñecido como parque da Palmeira, en referencia á elegante árbore que o preside, acaba de reabrirse ao público tralas obras de renovación paisaxística executadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e ás que se lle porá a guinda coa colocación dunha placa que renderá homenaxe á mestra e política galega Daría González.

As actuacións efectuadas polo departamento que dirixe Iván Puentes, que destinou un investimento duns 50.000 euros a este proxecto (adxudicado á empresa Garocaprim SL), permitiron a posta en valor dos elementos que existían e a integración do parque no contorno coa creación dun camiño que artella o parque de oeste a leste. Os traballos incluíron unha coidada composición a nivel de xardinería e a plantación de belas especies arbustivas, a instalación dun sistema de rega e a mellora da capacidade de acollida e confort desta zona verde, tal e como subliña Puentes, “co obxectivo de convertelo nun punto de encontro e socialización comunitaria”. “Con tal motivo, instalamos dúas mesas con xogos tradicionais (xadrez, parchís, tres en liña…) e bancos accesibles distribuídos entre as árbores no bordo do camiño e, a petición dos veciños, construíuse un banco de obra con forma de semicírculo arredor da palmeira, quedando libre a outra metade do outeiro no que se atopa a palmeira”, apunta o socialista.

Coa finalidade de paliar o déficit de sombra que había neste parque, tamén por solicitude da veciñanza, a plantación de arborado incorporou especies como cipreses comúns, magnolias tulíperas e acacias, así como plantas arbustivas e vivaces que resaltan a súa calidade paisaxística. O excelente resultado das obras foi supervisado esta mañá por Iván Puentes nunha visita na que estivo acompañado polos concelleiros socialistas Yoya Blanco e Marcos Rey e o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán.

Os traballos enmárcanse na estratexia de desenvolvemento do barrio da Eiriña, unha das bolsas de solo urbanizable máis importantes do centro de Pontevedra, e na que se inclúen un conxunto de proxectos como a reforma integral de Amalia Álvarez (60.000 euros) ou a creación dun novo parque na pasarela de José Adrio, en 12 de Novembro (cun investimento de 500.000 euros por parte de Concello e Deputación). Un conxunto de actuacións que suman máis de 600.000 euros e que optimizarán a dispoñibilidade de espazos de lecer e de zonas verdes e a calidade de vida dos veciños e veciñas desta zona da cidade.

“Sempre que intervimos tentamos non considerar as zonas nas que o facemos en solitario, senón que estudamos como poden dialogar entre elas e como poden prestar un mellor servizo entre os veciños e veciñas. Neste caso, tendo en conta que temos a un paso o parque de Amalia Álvarez, unha zona verde máis ampla que vai cumprir as funcións de parque infantil, e a pasarela sobre a vía do tren, que tamén se centra nunha función máis de xogo e esparexemento, o obxectivo fundamental era crear un espazo que esteticamente mellorase dun xeito moi sobresaínte esta área da cidade e que teña unha función de descanso, lecer e estancia”, sinala Iván Puentes.