O Inega concédelle ao Concello unha axuda de case 60.000 euros para a instalación de paneis fotovoltaicos no Pazo da Cultura 

35
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, sinalou que esta nova permite avanzar na mellora dos equipamentos municipais no terreo da mellora e a eficiencia enerxética 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, compareceu en rolda de prensa esta mañá co obxectivo de dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Alén dos asuntos incluídos na orde do día, a edil quixo repasar algúns dos tratados fóra desta, como foi a concesión desde o Inega (Instituto Enerxético de Galiza) dunha axuda.

«Non é un segredo que unha das apostas deste Goberno foi a dun cambio na subministración eléctrica nos equipamentos municipais. Deste xeito, presentamos axuntas ao Pirep, por exemplo, para acometer melloras xerais neste sentido (Pavillón, Pazo da Cultura, Recinto Feiral…)», contextualizou Gulías. «Paralelamente a estas vías, tamén apostamos, de xeito paralelo, pola liña de convocatorias que tiña o Inega, xa que nos permitirá avanzar na transformación dos equipamentos municipais e convertelos en equipamentos eficaces e eficientes desde o punto de vista enerxético».

Así, a primeira das axudas concedidas ten que ver co Pazo da Cultura, recibindo o Concello 59.017,80 euros para a instalación de paneis fotovoltaicos na cuberta do Pazo. «Implica de facto comezar a instalar esas placas», indicou a edil. «Aforraremos custes de subministración eléctrica e melloraremos a calidade e eficacia dos equipamentos municipais. Ademais, ensaiamos fórmulas de consumo asociado».

A portavoz municipal indicou que serán instaladas 186 placas na cuberta do Pazo da Cultura, «algo que permitirá un ensaio interesante de autoabastecemento e de consumos asociados». O proxecto terá un custo orzamentado en 199.684,03 euros, dos que o Concello achegaría 140.666,23 euros.

O Concello tamén ten solicitadas axudas para a mellora enerxética en Michelena 30 e nos centros  sociais situados no rural.