A edil Eva Vilaverde asistiu ao débate no Parlamento este martes, ondea a ILP non foi tomada en consideración polo voto en contra do Partido Popular
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, anima á plataforma a e toda a veciñanza pontevedresa a «seguir na loita pola defensa da Sanidade Pública»
A concelleira Eva Vilaverde asistiu esta mañá ao Parlamento de Galiza ao debate sobre a toma en consideración da Iniciativa lexislativa popular (ILP) de SOS Sanidade Pública para reverter os recortes en atención primaria, iniciativa que non prosperou polo voto en contra do Partido Popular.
A reclamación avalada por 50.000 sinaturas sitúase como a iniciativa con máis apoio de toda a historia do Parlamento. O Concello de Pontevedra, a través da edil, amosa o seu apoio a unha iniciativa que busca a mellora da atención primaria, «moito máis tendo en conta que a Área sanitaria de Pontevedra é o quilómetro cero do desmantelamento da sanidade pública», tal e como indicou Vilaverde.
«A situación sanitaria da área de Pontevedra é de colapso da atención primaria e, en consecuencia, das urxencias hospitalarias de Montecelo, e non vemos que a situación mellore. «Votar a favor dunha iniciativa destas características o que buscaba era cambiar a inercia que empuxa á Sanidade Pública cara ao seu desmantelamento na busca dunha mellora que comeza por fortalecer a Atención primaria como alicerce básico da Sanidade pública. É imprescindible facer un esforzo mellorando os investimentos, fortalecento o sistema público e aumentando o número de profesionais socio-sanitarios. E tramitar esta iniciativa lexislativa popular era a mellor maneira de transitar por ese camiño».
Doutra banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén quixo sumarse ás mostras de apoio cara esta ILP. «Como médico, como alcalde e como veciño estou cada vez máis preocupado polo deterioro paulatino que se vive na Sanidade Pública, e en particular na Atención Primaria deste concello», indicou. «Quero manifestar o meu apoio, como non podía ser doutro xeito, a esta ILP; e animar á plataforma a seguir loitando na rúa, xunto con todo os pontevedreses e pontevedresas, por unha sanidade pública de calidade. O dereito á saúde é un dereito prioritario. Debemos defendela, e así o faremos».
Deste xeito, o Concello de Pontevedra quere seguir amosando o seu apoio á plataforma SOS sanidade pública e a toda a veciñanza implicada e afectada, agradecéndolle todo o seu traballo en defensa da sanidade pública e animándoos a que non decaian no seu empeño. Cómpre lembrar que a institución local aprobou en Pleno unha iniciativa de apoio a esta ILP, mantivo reunións coa nomeada plataforma e propiciou unha xuntanza entre todos os concellos da área sanitaria, amais de reunións co conselleiro de Sanidade, co fin de trasladar a preocupación da veciñanza ao redor da precaria situación da Atención Primaria.