O primeiro roteiro de ‘Re-conectando con Pontevedra’  se estrea no Pontillón de Castro o vindeiro sábado

92
  • As rutas levaranse a cabo en horario de 10 a 14 horas e en grupos de 20 persoas previa inscrición
  • O programa engade a práctica de ioga sen material en cada un dos roteiros segundo as necesidades dos participantes

Os concelleiros socialistas Iván Puentes e Marcos Rey participarán este sábado na primeira ruta de sendeirismo e ioga do proxecto Re-conectando con Pontevedra’, que transcorrerá a través do Pontillón do Castro en Verducido. O programa, promovido pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, propón unha serie de rutas de sendeirismo conscientes así como a práctica de ioga ao redor das diferentes parroquias do Concello co obxectivo de achegar aos participantes á natureza próxima á cidade ao mesmo tempo que conectan co entorno.

Ademais desta primeira ruta, están programadas cinco sesións máis que se levarán a cabo en horario de 10 a 14 horas e previstas nas xornadas do 3 de xuño (ruta dos Miradores e monte da Fracha); 10 de xuño, senda do río Lérez; 17 de xuño, parque forestal da Tomba en Campañó; 18 de xuño, senda do río Gafos; e para pechar o programa o 25 de xuño, unha ruta a través da senda do río Almofrei en Bora. Os espazos para a práctica de ioga se escollerán en función do roteiro, sempre adaptándose ás diferentes idades e niveis do grupo a través dunha metodoloxía dinámica, participativa, aberta, introspectiva e integradora; incluíndo estiras e relaxación final. No caso de choiva, esta actividade realizarase nun espazo o máis achegado posible á senda para evitar grandes desprazamentos. Ao longo do percorrido tamén desenvolveranse dinámicas grupais e individuais adecuando as actividades á ruta como camiñar descalzos, cos ollos tapados, meditacións e visualizacións conectando co entorno ou respiracións conscientes, entre outras.

Ademais de dar a coñecer o entorno natural do Concello de Pontevedra, estas saídas pretenden mostrar unha maneira diferente de facer sendeirismo empregando dinámicas que axuden a conectar coa natureza e a esencia individual dos participantes. Por outra banda, o programa promove un estilo de vida saudable achegando a práctica de ioga a todos os públicos nun espazo natural e dun xeito sinxelo e accesible, polo que os participantes so precisarán dunha esteira ou unha toalla para a realización da actividade.

Os grupos estarán conformados por un máximo de 20 persoas cunha idade mínima de 16 anos, aínda que os menores tamén poderán apuntarse se asisten acompañados dun adulto. Para inscribirse, os interesados deben poñerse en contacto coas instrutoras a través dos teléfonos e e-mails: 629 64 25 42/ erikataracido@hotmail.com ou 620 96 20 48/ myriamvp_88@hotmail.com. As reservas faranse por orde de inscrición.