A ‘revolución verde e azul’ de Pontevedra senta cátedra na Biennale des Villes en Transition de Grenoble

31
  • A estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe chega ao foro organizado pola capital dos Alpes franceses (Capital Verde Europea en 2022) da man do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, que participou hoxe no Parque Georges Pompidou nunha mesa redonda titulada ‘Compartindo Perspectivas: Longa vida á natureza na cidade!’, na que compartiu panel con Simone Raskob, concelleira da cidade de Essen (Alemaña); Henry Cáceres, director do departamento Barranquilla Verde da cidade de Barranquilla (Colombia), e Thierry Chastagner, moderador e concelleiro de Grenoble
  • No transcurso dunha xuntanza mantida esta tarde con Puentes, o alcalde de Grenoble, Eric Piolle, amosou a súa fascinación polo modelo que está a desenvolver Pontevedra e foi convidado a asistir ao congreso internacional sobre reverdecemento de cidades que o noso Concello albergará entre finais de 2023 e principios de 2024 no marco dos eventos comprometidos co Ministerio para a Transición Ecolóxica 
  • Iván Puentes tamén participou en reunións cunha responsable da rede Energie Cities, que ten un importante papel como ‘lobista’ nas institucións europeas, coa que pechou a participación de Pontevedra nun foro que se celebrará en Módena (Italia) en outubro, e co alcalde de Brasov, Allen Coliban, que convidou formalmente ao concelleiro a participar no Green Cities Forum que acollerá a cidade romena entre os días 5 e 7 de setembro

A ‘revolución verde e azul’ impulsada por Iván Puentes na nosa cidade a través da estratexia Pontevedra Flúe sentou hoxe cátedra nun dos foros sobre a transición climática máis prestixiosos do mundo: a Biennale des Villes Transition de Grenoble (Capital Verde Europea en 2022). O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural expuxo esta mañá no Parque Georges Pompidou algúns dos proxectos de renaturalización e loita contra o cambio climático que o seu departamento ten xa en marcha grazas aos 7,5 millóns de euros adquiridos pola vía dos fondos europeos Next Generation e aos 25 millóns comprometidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, entre eles a conversión da antiga ponte do ferrocarril sobre o Lérez nun fermoso balcón e en futuro enlace peonil e ciclista de ámbalas ribeiras, a dotación do primeiro parque de xogos de auga e dunha zona de relax en Rafael Areses, a conversión dos muros de formigón que discorren no treito entre a Ponte dos Tirantes e a das Correntes nas Terrazas do Lérez ou o control dos asolagamentos que o Valdecorvos produce na rúa Padre Fernando Olmedo mediante un Sistema Urbano de Drenaxe Sostible (SUDS).

Foi no marco dunha mesa redonda titulada ‘Sharing Perspectives: Long live nature in the city!’ (‘Compartindo Perspectivas: Longa vida á natureza na cidade!’), na que Puentes compartiu coloquio con Simone Raskob, concelleira da cidade de Essen (Alemaña); Henry Cáceres, director do departamento Barranquilla Verde da cidade de Barranquilla (Colombia), e Thierry Chastagner, moderador e concelleiro de Grenoble. Durante a súa intervención, o concelleiro defendeu “un modelo de cidade que, ao longo dos últimos 24 anos, se centrou nas persoas e que tivo como resultado unha maior calidade do aire; unha mobilidade máis sostible, na que arredor do 67% dos desprazamentos se fai a pé, e unha redución dun 70% do tráfico no centro urbano”.

“É o momento de incorporar á dimensión verde no noso modelo urbano -asegurou o concelleiro-, de dar un novo paso na estratexia de transformación urbana de Pontevedra. Tralo modelo da peonalización, chegou o tempo da revolución verde e azul, cun conxunto de actuacións que suman máis de 30 millóns de euros e que permitirán renaturalizar as marxes fluviais, promover a biodiversidade, gañar resiliencia, previr posibles inundacións, recuperar a memoria dos nosos ríos, incrementar os usos sociais do Lérez e o Gafos e xerar un gran corredor verde entre a Illa das Esculturas e A Xunqueira de Alba”.

Ademais de asistir a outras actividades da Biennale des Villes en Transition, Iván Puentes tamén tivo ocasión de manter esta tarde un encontro co alcalde de Grenoble, Eric Piolle, do partido ecoloxista Europe Écologie Les Verts e rexedor dunha cidade que, en base aos datos do Observatorio Auvergne-Rhône-Alpes foi quen de reducir nun 30% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro entre 2005 e 2018. Piolle amosou a súa fascinación polo modelo que está a desenvolver Pontevedra, enxalzando o seu carácter pioneiro tanto no que atinxe ás medidas de mobilidade como aos proxectos de renaturalización e loita contra o cambio climático.

Unha vez máis, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible puido poñer en valor o liderado de Pontevedra á hora de desenvolver un Plan de Infraestrutura Verde do que tódalas cidades da UE deberán dispoñer e no que o noso concello está a traballar grazas a unha subvención concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica. Un Plan que, como Puentes sinalou, “está a suscitar un enorme interese de varias cidades que forman parte do Partnership Greening Cities e, agora, tamén de Grenoble”.

Iván Puentes aproveitou esta xornada de encontros internacionais para convidar a Eric Piolle e Henry Cáceres a asistir ao congreso internacional sobre reverdecemento de cidades que o Concello de Pontevedra organizará entre finais de 2023 e principios de 2024 no marco dos eventos comprometidos co Ministerio para a Transición Ecolóxica (iniciativa impulsada dentro da subvención de 3,4 millóns concedida pola Fundación Biodiversidade). “Este congreso -avanzou Puentes- ratificará á nosa cidade como unha referencia a nivel europeo no que se refire a estratexias verdes, reverdecemento de cidades, loita contra o cambio climático e transformación dos fondos comunitarios en oportunidades de desenvolvemento e de xeración de emprego e de riqueza”.

Tal e como apuntou o concelleiro, Pontevedra tamén aspira a acoller unha das vindeiras xuntanzas do Partnership Greening Cities da Unión Europea, que celebrará a súa seguinte reunión na cidade sueca de Malmö o 16 de xuño, nun encontro ao que Puentes tamén foi convidado.

Iván Puentes tamén participou en reunións cunha responsable da rede Energie Cities, que ten un importante papel como ‘lobista’ nas institucións europeas, coa que pechou a participación de Pontevedra nun foro que se celebrará en Módena (Italia) en outubro, e co alcalde de Brasov, Allen Coliban, que convidou formalmente ao concelleiro a participar no Green Cities Forum que acollerá a cidade romena entre os días 5 e 7 de setembro. Ademais, o concelleiro realizou nunha visita pola cidade organizada polo Goberno de Grenoble xunto con delegacións de Brasov e São Paulo.