Falando coas mans para reivindicar a lingua galega de signos

232
  • Os concelleiros Marcos Rey, Yoya Blanco e Iván Puentes participan nun acto organizado cos colectivos de persoas xordas Xoga e Apxp co gallo do Día Nacional da Lingua de Signos

Aínda que non se puido atopar a pancarta que o Concello e os colectivos tiñan previsto despregar no balcón da Casa Consistorial co gallo do Día Nacional da Lingua de Signos, a necesidade converteuse en virtude e os concelleiros Marcos Rey, Yoya Blanco e Iván Puentes, acompañados de membros das asociacións de persoas xordas Xoga e Apxp reivindicaron a lingua de signos do mellor xeito posible: empregando as súas mans para expresar o seu apoio á lingua de signos e, nomeadamente, á lingua galega de signos. Foi durante un acto conmemorativo que tivo lugar na Praza de España e no que, como sinalou a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, “este é un día moi importante para darlle visibilidade a lingua de signos, pero tamén porque nós reivindicamos que se aprobe como lingua cooficial a lingua de signos galega”.

Unha reclamación que, como sinalou Monterde, “é cuestión de vontade política, polo que agardamos que tódolos partidos estean polo labor”. “Ata a data -afirmou- tanto a Deputación Provincial como diversos concellos apostaron tanto pola lingua de signos española como pola galega. O proceso comezou hai dez ou quince anos e materializouse hai tres co acordo coa Deputación. Precisamos máis apoios institucionais, sobre todo do Parlamento Galego, e máis respaldo económico para poder seguir adiante”.

Segundo precisou, Xoga conta no concello de Pontevedra con 164 socios e atende a máis de 1.000 familias en toda a provincia (entre 70 e 80 no noso municipio). María Jesús Monterde salientou a boa sintonía existente coa Concellería de Benestar Social, que puxo en marcha o pioneiro programa Comunico e apostou pola celebración de cursos de formación gratuítos, “e que ten previsto desenvolver proximamente máis talleres a través do programa Proponte”.

Neste sentido, o responsable do departamento municipal, Marcos Rey, asegurou que a Concellería “está xa traballando nos cursos que sairán tralo verán, en setembro, e que, con independencia de que sigamos ou non nesta Concellería, xa están programados”. Rey avanzou que os cursos serán gratuítos e “terán dous bloques: un destinado aos propios funcionarios do Concello e outro para a cidadanía en xeral”. “Serán impartidos por Xoga, case con total seguridade, na Casa Azul”, engadiu.

Para o concelleiro, o feito anecdótico de que non aparecese a pancarta converteuse nunha desas ocasións nas que “non hai mal que por ben non veña”, dando lugar “a unha foto orixinal e bonita na que reivindicamos a lingua de signos do mellor xeito posible, empregándoa e facendo cada os signos das expresións ‘Eu apoio a lingua de signos’ e ‘Eu apoio a lingua de signos en galego'”.