O alcalde dota de maior competencia á Xunta de Goberno Local que valorará todos asuntos municipais antes da súa tramitación 

38

Os tres proxectos abordados con esta nova función da Xunta de Goberno son:

A reprogramación dos fondos europeos do Plan de Sostenibilidade Turística de Destino

O traslado da Feira ambulante en Rafael Areses e o inicio dun período de consultas para buscar localización definitiva.

A instrucción dada aos servizos municipais de control dos contratos públicos e o inicio de expedientes de resolución ou prórroga 6 meses antes do seu remate. 

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores anunciou esta mañá un novo impulso no Goberno Local ao ampliar as competencias da Xunta de Goberno Local que dende hoxe será a encargada de coordinar e dar impulso á acción do Goberno. De feito, poñendo en marcha esta nova competencia do principal órgano de decisión do Concello: acordou reprogramar os proxectos de obra vinculados ao Plan de Sostenibilidade Turística de Destino (PSTD), iniciar un proceso de consultas para buscar unha localización definitiva ao mercadillo ambulante, e ordenar a os servizos municipais a redacción e revisión dos contratos públicos nun período de seis meses antes da súa caducidade.

Fernández Lores explicou despois da celebración da Xunta de Goberno Local que “eu comprometinme a iniciar unha nova etapa neste mandato municipal; tamén dixen que tomaba nota, e polo tanto nestas primeiras semanas quero darlle un novo impulso ao Goberno. Vou a estar en todos os temas posibles e quero darlle un novo impulso á administración municipal“.

Nesta liña de traballo, o alcalde destacou o cambio de contidos da Xunta de Goberno Local. “Estou ampliando as súas funcións que sirva de organización, coordinación e impulso da acción de Goberno. Todos os asuntos de trascendencia municipal quero que se valoren inicialmente na Xunta de Goberno e que faga un seguimento máis alá das tramitacións ordinarias e administrativas, e quero darlle función de impulso da acción de goberno”.

Por iso, un dos acordos aprobados desta mañá foi os novos labores de “impulso e coordinación da acción de Goberno”.

Outro dos puntos acordados na Xunta de Goberno foi a reprogramación dos fondos do Plan de Sosteniblidade Turística en Destino (PSTD) concedidos no marco dos fondos Next Generation e xestionados pola Xunta de Galicia. Son 2 millóns de euros (1 millón para novos proxectos de obra e 1 millón para dinamización turística) que teñen que estar pagados e xustificados a finais de 2024.

O alcalde explicou que os fondos concedéronse en decembro de 2021 e, en novembro de 2022 asinouse o convenio entre as dúas administracións e celebrouse a primeira comisión de seguimento. A semana que vén, o día 19 de xullo, celebrarase a segunda comisión de seguimento na que o Concello, a través da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, propondrá unha reprogramación dos proxectos a elaborar “porque estamos cos prazos moi apretados”, explicou o alcalde quen afirmou que non existen proxectos redactados agás algunhas memorias valoradas, e será necesario “facer proxectos executables” no tempo que resta para a súa xustificación.

Os proxectos que se reprogramarán serán os seguintes:

  • Continuación da Vía verde do Salnés: unión da senda Vilagarcía-Portas coa futura vía verde entre Pontevedra, Ponte Sampaio e Arcade a través da antiga ponte ferroviaria sobre o Lérez. 
  • Conexión da cidade cos parques forestais da contorna
  • Iluminación eficiente de espazos naturais.

Ao respecto dos proxectos de dinamización turística (Observatorio de turismo e actividades de gastronomía), a decisión tomada é impulsalos e licitalos cara final de ano.

Outro dos asuntos abordados foi trasladar a orde á Concellería de Promoción Económica para trasladar a feira ambulante ao lugar definido na ordenanza de venda ambulante para o vindeiro 22 de xullo. Tamén informou o alcalde da apertura “dun proceso de consultas a todos os sectores implicados para determinar a localización definitiva do mercadillo ambulante”. Estas consultas comezarán con carácter inmediato.

Finalmente o alcalde indicou que tamén se trasladou a orde a todos os servizos municipais para que se inicien os trámites pertinentes ao respecto dos contratos públicos cun mínimo de seis meses antes do seu vencemento tanto para prorrogalos, denuncialos ou rescindilos. “Hai certos problemas cos contratos que temos detectado porque sempre se soen facer os trámites a última hora”, explicaba o alcalde, para evitar esta situación reclamou unha listaxe por parte de todos os servizos para coñecer todos os contratos públicos en vigor e ver as súas características. Esta listaxe terá que estar elaborada nun prazo de 3 meses.