O Concello lanza un plan especial de supervisión, priorización, reparación e mantemento dos parques infantís municipais 

13
A iniciativa, aprobada en Xunta de Goberno, quere garantir que os cativos e cativas de Pontevedra xoguen en espazos seguros e adecuados, polo que serán revisados todos os espazos deste tipo no municipio, tanto rurais como urbanos 

A alcaldesa en funcións e portavoz do Goberno, Eva Vilaverde, ofreceu esta mañá de venres unha rolda de prensa co fin de dar conta dos diversos puntos tratados durante a Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma.

Dentro deses nomeados asuntos, figurou a posta en marcha desde o departamento de Parques e xardíns a elaboración dun plan especial de supervisión, priorización, reparación e mantemento dos parques infantís municipais, tanto urbanos como rurais. A decisión foi tomada trala chegada de diversas queixas e suxestións de diversa índole ao redor destes parques.

«Imos facer unha comprobación xenérica do estado de todos os parques infantís do Concello», indicou Vilaverde. «Falamos de preto de 60 parques (57) dos que se realizará un seguimento estrito da súa vida útil, da súa duración, de como están, como envelleceron…»

Esta iniciativa constará de dous apartados: diagnose e priorización de actuacións. No primeiro preténdese coñecer o estado real de cada unha destas áreas infantís, determinando o seu estado de conservación no tocante aos elementos de xogo, enlousado, valado, sinalización obrigatoria, estado da contorna, limpeza, iluminación…; e o segundo busca priorizar as actuacións que se deberan facer en cada un deles, comezando polos que se atopan en peor estado de conservación e tratando de corrixir todas as deficiencias. Tamén inclúe, esta segunda fase do plan, o custe aproximado de todas as actuacións.

A finalidade principal do plan é garantir que os cativos e cativas de Pontevedra xoguen en espazos seguros e adecuados, en boas condicións de seguridade e de hixiene. Para iso é preciso coñecer o estado dos espazos, dos pavimentos, dos xogos, da sinalización o seu uso e mantemento, ademais doutras cuestións particulares de cada parque. 

Tamén procurará ter un control exhaustivo de todas as áreas infantís, coñecendo o seu estado de conservación, a súa vida útil e poder prever os futuros cambios en función do seu uso, da súa idade ou da incidencia da meteoroloxía, entre outros aspectos que poden incidir na súa conservación. Ao mesmo tempo, o Concello comprométese a que no caso de obter algún resultado de urxentísima actuación, se adopten medidas de emerxencia pertinentes para reverter a situación.