O Concello proporá modificar o proxecto de estacionamento para o novo hospital de Montecelo na vindeira comisión de seguimento 

19
O edil de Infraestruturas, César Mosquera, recibiu como unha «sorpresa agradábel» que a Xunta abrise a porta «a modificar o proxecto sectorial con novas expropiacións» logo da súa «cerrazón inicial» 

O edil responsábel de Obras e Infraestruturas, César Mosquera, compareceu esta mañá en rolda de prensa para ofrecer novas informacións ao respecto do novo hospital de Montecelo e a súa construción. 

«O proxecto do vial de Montecelo foi elaborado, tramitado e aprobado pola Xunta de Galiza. As determinacións que van nese proxecto sectorial foron postas pola Xunta», lembrou o edil. «Esta aprobación non tivo en conta nin a opinión nin as suxestións do Concello en temas bastantes relevantes, algúns xa non se poden solucionar nin repensar, pero outros si».

Deste xeito, o edil lembrou que o vial que pasa agora diante da entrada quería ser rebaixado cinco metros. «Facer unha fochanca de cinco metros custosísimas, que traerá problemas coas pluviais, coa estética, de too tipo. Pediuse que non mudaran a cota e seguen cambiando a cota», sinalou. «Pediuse por activa e por pasiva que o solo rústico de protección ordinaria ao redor de Montecelo pasase a solo rústico de protección do hospital e se compatibilizase co uso de estacionamento, servindo de colchón para ampliar e contar cunha superficie útil. Pois non».

Respecto ao estacionamento, Mosquera comentou o elevado custo que suporá facer o estacionamento tal e como está planeado, sexa para os usuarios ou para o Sergas. «Facéndoo en superficie e contando con expropiacións, sairía na cuarta parte do custo», indicou. «Pois non, tampouco se tivo en conta a nosa opinión».

«A resposta continuada do Sergas á hora de cuestionar o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (PSIS) foi sempre que estaba aprobado e que non se tocaba, nin directa, nin indirectamente; nin se modifica, nin se crea un instrumento complementario para subsanar os problemas que fomos plantexando», indicou. «Hai documentación e correos electrónicos entre o Concello e a Consellería onde se recolle que a reposición de servizos para as fincas faise para aquelas que xa tiñan servizo por vial público. E se o tiña por privado? Por acceso de servidume? Pois que se arranxen. Ese foi o criterio pasado por escrito por parte da Consellería e non se ampliou ningunha expropiación nin ampliaba nada. Esa é a situación. Está no DOG».

O edil fixo fincapé na súa sorpresa «agradábel» de comprobar agora a disposición da Xunta a abrir e modificar criterios a este respecto. «Se quere modificar o proxecto sectorial con novas expropiacións, que é o que di a nota publicada o domingo pola Xunta, pois correcto, e plantexaremos de novo todos os temas», sinala o edil. «Alégrome, de verdade, pois antes era unha cerrazón absoluta. Na vindeira comisión de seguimento falaremos destas cuestións, sobre todo do estacionamento. Falaremos do acceso aos terreos, que canto antes se arranxe mellor».