O Concello axardina dúas parcelas en Pasarón que facilitarán o acceso á zona educativa da Xunqueira

49

Atópanse entre a rúa Leonardo Enríquez e a avenida de Compostela e estaban destinadas a usos agrícolas.

Cunha superficie de máis de 700 m2, a concellaría que xestiona Xaquín Moreda pretende instalar unhas escaleiras metálicas cara a pasarela elevada sobre a avenida de Compostela para mellorar os tráficos peonís.

Tamén se axardinará todo o espazo colocando unha pérgola para que dea sombra no verán. 

A área municipal de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda iniciará esta semana os traballos de incorporación ao uso público de dúas pequenas parcelas situadas entre as rúas Leonardo Enríquez e avenida de Compostela (ao carón do campo de fútbol de Pasarón). A intervención permitirá permeabilizar o barrio cara a área educativa da Xunqueira.

As dúas parcelas cunha superficie total de 734 m2 foron adquiridas polo Concello e estaban adicadas á horticultura e ao cultivo da viña. Dende hai uns meses atópanse en estado de semiabandono. A intervención que realizará o departamento de Parques e xardíns consiste na creación dun espazo público axardinado que sirva de acceso directo á pasarela peonil sobre a avenida de Compostela -un permiso que o Concello tramita ante Fomento-. Esta actuación permitirá mellorar a seguranza viaria na zona, facilitando o acceso á Xunqueira a través da pasarela elevada.

Os traballos consistirán na demolición, levantado e desentullo das dúas parcelas retirando os seus peches e pendellos. A continuación rasparase a superficie e nivelarase o terreo para o seu posterior axardinamento cunha pérgola para que dea sombra. Estará cuberta con viñedo ornamental para que recorde os seus antigos usos. Tamén se axardinarán outras zonas do espazo.

Paralelamente, e previa concesión por parte de Fomento, prevese a instalación dunhas escaleiras metálicas para conectar a pasarela da avenida de Compostela con esta zona axardinada e mellorar os fluxos peonís do barrio.

Aproveitando a intervención, o Concello mellorará os noiros destas parcelas cara a avenida de Compostela. Rozarase a maleza e plantaranse especies tapizantes e cubridoras para crear unha capa baixa de vexetación controlada que mellore a estética desta entrada á cidade.

A intervención terá un custe de 47.757,53 euros.