O Concello de Pontevedra estudará novos usos para a Casa do Mar unha vez cese a súa actividade sanitaria 

46
O edil de Infraestruturas, César Mosquera, explicou que se tentará comprobar a viabilidade e as posibilidades que ofrece o espazo, agardando coñecer as previsións do Instituto Social da Mariña, propietario da edificación 

O concelleiro de Infraestruturas e Obras urbanas, César Mosquera, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos celebrada con anterioridade. 

Alén dos asuntos incluídos na orde do día, o concelleiro quixo comentar e facer público un asunto tratado durante a última entrevista entre o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, celebrada o pasado 23 de outubro, como é o futuro do Centro de Especialidades de Mollavao, a Casa do Mar.

Este espazo sanitario será o primeiro da súa clase que verá anulada a súa actividade coa construción e posta en marcha do novo hospital de Montecelo, trasladando así as súas consultas até o novo centro. «Tanto o presidente coma o alcalde amosaron a súa preocupación á hora de buscar algún tipo de funcionalidade a este edificio e que non suceda, como ten sucedido noutros casos, que quede abandonado durante determinado tempo», indicou o edil.

Mosquera explicou que o presidente fixou como unha posíbel ventá para o abandono do edificio por parte do Sergas a finais do vindeiro do ano, de xeito aproximado. «Imos poñernos en contacto co Instituto Social da Mariña a ver se nos deixa estudar este espazo e a ver que previsión teñen eles para este edificio». Cómpre lembrar que o edificio como tal é da nomeada entidade. 

O concelleiro explicou que en casos semellantes, o Instituto chegou a cedelo na súa totalidade para propiciar unha nova actividade, fose do Estado ou do Concello ou doutra administración. Trátase dun edificio construído no ano 1985. «Quremos ver en que estado está, estudar que viabilidade e que posibilidades ten e pensar no seu destino, para así poñelo en marcha nada máis quede libre, evitando eses impasses que adoitan ser terríbeis para este tipo de construcións».

«En ningún caso queremos que este edificio quede sen uso meses ou anos», subliñou Mosquera. «Estudaremos o asunto, valorarémolo, e no caso de verlle un futuro viábel, tentaremos que nolo cedan». 

Sobre que usos posíbeis podería ter a actual Casa do Mar, o edil aclarou que non hai ningunha decisión tomada nin moito menos, é que ideas sempre pode haber moitas, mais cómpre estudar a nivel técnico as posibilidades do edificio e, desde aí, traballar. Porén, lembrou que a Policía Local seguía tendo a necesidade dunha nova localización, exemplificando que «ideas sempre hai, pero primeiro temos que ver que previsións ten o ISM».