Discurso con motivo da cea do 45 aniversario de AEMPE

2

Boa noite, a todos e todas. Un ano máis, agradezo o convite desde AEMPE para poder estar intre convosco.

Quería utilizar a miña intervención desta noite para sinalar o orgulloso que me sinto desta cidade, dos seus veciños e veciñas, e, por suposto, das empresas e empresarios que fan dela un lugar no que poder traballar, medrar e facer unha Pontevedra mellor.

Máis aló das crises e da inflación que estamos a soportar, que non son doadas para absolutamente ninguén, é posíbel comprobar como a nosa cidade está nun bo momento no que se refire a actividade económica e emprego. Así o demostrou un recente estudio da Universidade de Vigo con base nas afiliacións á Seguridade Social. Temos máis de 50.000 postos de traballo, con un superávit de 15.000 postos. Máis do 50 % destes postos de traballo de Pontevedra creádelos vós. Sodes, e diso non hai dúbida, o motor económico máis importante de Pontevedra, sodes boa parte da economía de Pontevedra.

Os números non minten. Temos 61 postos de traballo por cada 100 habitantes, namentres Vigo ten 49. Só existe unha realidade, a do día a día, aquela na as pequenas e medianas empresas de Pontevedra medran, aquela na que vós sodes os maiores creadores de postos de traballo do municipio, aquela na que Pontevedra é referente.

Non son tempos doados. Seino. Os tempos cambian a cada pouco. Aínda que as cousas van relativamente ben, somos conscientes das transformacións que suceden cada mes, cada semana, cada día. Sei que ser empregador, que ser empresario, nunca foi fácil e moito menos nestes tempos de cambios tan acelerados e de competencia tan feroz. Sabemos que para vivir sempre coa ameaza de «camarón que se durme, lévao a corrente» hai que ter unha pasta especial.

O Concello de Pontevedra estará aí para apoiar e axudar neses cambios, ofrecendo e mantendo as condicións e características que fixeron desta cidade un referente no mundo. Toda a sociedade pontevedresa forma parte disto, e as empresas sodes un eixo fundamental para seguir nese camiño.

Sabedes que me teredes ao voso lado á hora de traballar cóbado con cóbado co obxectivo de facer avanzar Pontevedra e continuarmos nesa senda de éxitos e de recoñecementos.

Grazas pola vosa atención.