O director xeral de Transporte e Mobilidade da Generalitat valenciana, interesado no PMUS de Pontevedra 

25

Manuel Ríos visitou esta semana a cidade e mantivo un encontro con César Mosquera e o director xeral de Alcaldía para estudar a situación do PMUS de Pontevedra e outras solucións de mobilidade aplicadas na cidade, como o Coche de punto. 

O Concello de Pontevedra recibiu esta semana a visita de Manuel Ríos Pérez, director xeral de Transportes e loxística da Generalitat de Valencia, que se achegou á cidade do Lérez aproveitando que participaba nun encontro sobre transportes que se está a celebrar en Silleda.

O director xeral mantivo un encontro co concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, César Mosquera e o director xeral de Alcaldía e Urbanismo, Xosé Manuel Tato, xa que estaba interesado en coñecer o desenvolvemento do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Pontevedra.

No encontro abordaron a situación dos PMUS no Estado e da problemática que está a supoñer para os concellos polas colisións que se producen na aplicación da normativa estatal en materia de mobilidade. Este asunto tiña un especial interese para o responsable da Generalitat dado que é unha obriga para os concellos valencianos de máis de 20.000 habitantes.

Aproveitaron a visita para falar de transporte, en concreto, para abordar as distintas solucións do transporte a demanda.