As bandas máis mozas de Pontevedra farán seu o Principal e protagonizarán un festival de Nadal por todo o alto

21

O Concello de Pontevedra promove un concerto no que confluirán os grupos de distintos programas municipais e musicais, como RockLab, Xeración Sónica, o Local e Memoria de Elefanta

Este sábado, 23 de decembro, a partir das 19.00 horas, a música máis emerxente e, en boa medida, a máis moza de Pontevedra, tomará o Teatro Principal no marco do festival Nadal Sónico, unha iniciativa promovida polo Concello de Pontevedra.

Trátase dun cita moi especial, na que confluirán bandas e grupos nacidos ou usuarios de programas e servizos municipais como RockLab, Xeración Sónica, o Local de Música ou Memoria de Elefanta.

Unha unión que demostrará a forza e a gana coa que as novas xeracións traballan nas súas cancións.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, acompañado de Gonzalo Maceira, coordinador e director do evento, lembrou que «faltaba algunha sorpresa por anunciar» de cara á programación de Nadal «e aquí temos unha moi agradábel». «Teremos as bandas máis novas de Pontevedra sobre o escenario do Principal, demostrando que estas datas tamén son propicias para o rocanrol.

Estamos realmente encantados de acoller este evento, e agardamos que sexa unha auténtica festa da música máis emerxente de Pontevedra».

Gómez subliñou o «divertido» que será o evento, amais de «ameno e realmente cun volume poderoso, que é o que nos gusta cando hai guitarras e baterías polo medio». «Queremos convidar a todos os pontevedreses e pontevedresas a esta cita, para que enchan o Principal e gocen da música que vén».

Pola súa banda, Gonzalo Maceira indicou que «xa había tempo que queriamos trazar unha liña de conexión entre as actividades do RockLab, Xeración Sónica ou o Local». Esta será a primeira ocasión na Boa Vila que se xunta unha xeración dan ampla de alumnado de músicos e protomúsicos da cidade. «É un intre perfecto. Imos ter moita variedade, moito rocanrol e moita festa».

A entrada para o evento é de balde até completar o foro.