Teresa Abelleira e Matriuska Producciones, premios Cidade de Pontevedra 2023 

55

O xurado dos premios Cidade de Pontevedra adoptou esta mañá o acordo unánime de galardoar á deportista Teresa Abelleira, na categoría de persoa física, e a empresa local Matriuska Producciones, na categoría de persoa xurídica na edición de 2023. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez informou esta mañá do acordo do xurado a quen  agradeceu « o espírito colaborador » pola unanimidade aínda que eran varias as propostas nas dúas categorías

Ao remate da Comisión de Cultura que ditaminou favorablemente a proposta do xurado, o concelleiro de Cultura deulle os parabéns aos premiados e destacou os méritos dos galardoados. Ao respecto de Teresa Abelleira, resaltou que o premio obedece « a que acadou un resultado deportivo exepcional coa selección española » e tamén resaltou « o papel en defensa dos dereitos das mulleres e contra o machismo ». Demetrio Gómez concluíu que « é un orgullo contar con Teresa Abelleira entre nós ».

Ao respecto de Matriuska Producciones, destacou que se trata dunha empresa de Pontevedra cunha grande traxectoria en películas galegas pero que neste 2023 resaltou, especialmente, pola produción de Matria. O filme estivo presente na Berlinale, no Festival de Málaga ou nominada aos Goya. Demetrio Gómez lembrou que « Matria pon no mapa a puxanza do sector cultural de Pontevedra, que é dos primeiros de Galiza ».

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores xa informou ao galardoados do resultado da deliberación do xurado.

Os premios entregaranse nun pleno de honra o sábado, 20 de xaneiro.

Pase de Matria maio 2023 1