O Concello repara os tramos pechados do paseo do Gafos en Campolongo e na senda de xabre

50

As intervencións priorizadas polo concelleiro Xaquín Moreda no paseo urbano do Gafos continúan co mantemento e reparación dos tramos do paseo de Campolongo que están pechados, a reparación dos empozamentos dos camiños que permeabilizan os tramos pechados fronte ao colexio de Campolongo e a reposición da pasarela de madeira xunto aos composteiros comunitarios de Xeneral Rubín.

Tamén se melloraron varios tramos da senda de xabre entre a avenida da Estación e Ponte Boleira.

O Concello de Pontevedra continúa adiante coa reparación e conservación do paseo urbano do río dos Gafos. Nesta semana a Concellaría de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, comezou cos traballos de limpeza e mantemento na cuberta de Campolongo, que está pechada dende marzo de 2021, e coa mellora de distintos tramos da senda peonil de xabre entre a avenida da Estación e Ponte Boleira.

O concelleiro Xaquín Moreda, seguindo as instrucións do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para que o paseo do Gafos vaia recuperando o seu esplendor -e facendo uso dos contratos de mantemento dos espazos públicos, limpeza viaria e xardíns prorrogados do orzamento de 2022-, priorizou a limpeza dos tramos do paseo cuberto do Gafos que están pechados ao uso peonil.

Estes espazos foron valados en marzo de 2021 e, dende aquela, non recibiron ningún tipo de mantemento e limpeza. A intervención consiste en retirar pólas e restos de árbores, herba e maleza, lixo e os carteis colocados no seu interior, xa que levan meses tirados polo vento. Tamén está prevista a reparación do enreixado que protexe todos estes espazos xa que, nalgúns puntos, está aberto ou deteriorado.

Os traballos comezaron pola rúa Xeneral Antelo Rubín e continuarán até rematar polo tramo pechado cara Alcalde Hevia.

Tamén neste ámbito, a Concellaría iniciou a reparación dos empozamentos que producían nos pasos habilitados na contorna do colexio de Campolongo. Son pequenos camiños de xabre que se crearon para permeabilizar ambos lados da cuberta pechada e que non dispoñían de evacuación de augas pluviais. No inverno ocasionan empozamentos e fan que estes pasos sexan impracticables. Ademais da veciñanza e dos usuarios do paseo do Gafos, víanse moi prexudicados os alumnos e alumnas do CEIP Campolongo que teñen a saída do centro de ensino nese punto do paseo.

Finalmente, tamén na contorna do colexio e no paseo cuberto do Gafos, vaise reparar a pasarela de madeira construída a raíz do peche da cuberta, próxima aos composteiros comunitarios de Xeneral Antelo Rubín. Esta pasarela ten varias travesas rotas porque nela se avariou un vehículo de limpeza viaria. Co peso da limpadora, a estrutura de madeira cedeu e rompeu. A empresa do servizo de limpeza faise cargo do custe da reparación da pasarela.

A Concellaría que xestiona Xaquín Moreda acordou realizar estes labores de mantemento e adecentamento necesarios, mentres o Concello de Pontevedra está a espera de recibir as conclusións definitivas do estudo xeotécnico sobre a situación da canle do Gafos. Este informe será unha peza clave para decidir sobre a futura renaturalización do Gafos en Campolongo.

Mellora da senda de xabre do Gafos

Ademais do acondicionamento en Campolongo, a Concellaría de xestiona Xaquín Moreda tamén está a realizar traballos de reparación da senda de xabre do Gafos entre a avenida da Estación e Ponte Boleira. Aínda que son traballos que se completarán na primavera, o concelleiro estimou oportuno realizar estas reparacións de urxencia xa que as chuvias do inverno crearon regos importantes que resultaban perigosos nalgúns tramos.

A reparación consistiu na retirada do xabre até atopar unha base suficientemente firme, achega de xabre e compactación. Finalmente, apisoouse para garantir a súa solidez.

A intención do Concello é continuar na primavera, con mellor tempo, coa reparación desta senda de xabre e e o acondicionamento dos camiños que a veciñanza foi creando nos últimos anos.

A recuperación do Gafos

O mantemento no Gafos obedece á orde dada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para que o tramo urbano do Gafos vaia recuperando o seu esplendor de anos atrás, xa que se trata dun dos espazos máis visitados e empregados polos veciños de Pontevedra.

Nesta liña de traballos iniciados no outono, están a reparación e apertura da pasarela peonil de madeira por debaixo da avenida da Estación que une a senda do Gafos con Josefina Arruti ou a reconstrución do muro pétreo da canle do Gafos para evitar que as augas do río saian do seu leito e afecten á senda urbana.

O mantemento intensivo no Gafos continuará de cara a este ano, segundo as previsións do concelleiro Xaquín Moreda. En carteira está a reparación de toda a senda de xabre, a reparación das pontes ou da iluminación, como actuacións máis salientables.