Noites Abertas celebrará os seus 25 anos cunha edición que dará boa conta do cuarto de século vivido entre actividades e propostas 

37
O programa de Xuventude figura como un dos máis lonxevos do Concello, contando este ano con máis de 138 sesións de actividades, 14 espazos distintos e 87 proxecto a desenvolver
O edil de Xuventude, Demetrio Gómez, agarda que este ano se superen os 100.000 usuarios e usuarias de Noites Abertas 

Un cuarto de século despois, Noites Abertas iniciará unha nova edición como un dos programas máis lonxevos, queridos e agardados dentro da programación anual do Concello. As súas propostas mimetízanse xa coa propia paisaxe pontevedresa, logo de anos medrando, evolucionando e ocupando novos e variados espazos.

O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, presentou esta mañá de martes, 23 de xaneiro, o programa que ao longo dos vindeiros meses se desenvolverá na Boa Vila. «Trátase dunha edición especial, que nos fai moitísima ilusión e para a que, por suposto, preparamos algunhas cousas novas», sinalou o edil, que tamén lembrou o mareo de cifras que pode resultar á hora de repasarmos as cifras de Noites Abertas, como as «100.000 persoas usuarias ás que se pretende chegar nesta edición (hai 92.000 contabilizadas até agora)», as 51 entidades colaboradoras este 2024, 87 proxectos, 14 espazos diferentes, máis de 140 monitores e monitoras, 138 sesións de actividades, etcétera.

Noites Abertas continúa a ser ese programa destinado para a mocidade con actividades de todo tipo e de toda clase, onde case todo o mundo atopará algo que lle resulte chamativo. «Teño que darlle os parabéns e os agradecementos ao equipo de Noites Abertas polo seu traballo excepcional, máis aínda nun ano coma este, coas súas dificultades orzamentaria», comentou o concelleiro. «O cartaz deste ano é obra de Belén Diz, escollida pola comisión de festas de Noites Abertas e é extraordinario. Queda moitísimo traballo por diante e moitísima diversión». 

O edil sinalou o díficil que é destacar unha ou dúas actividades dentro dun programa tan grande e variado, e que pode consultar na web oficial https://noitesabertas.gal/. «Realmente o que queremos ofertar é unha festa, ir aos espazos, ver que hai e participar de calquera proposta», indicou. «Non hai que saber nada, non hai que incribirse, non hai que ter medo. Só ir a un sitio e gozar do que se oferta. Hai cociña, hai deporte, hai de socialización, hai de xogos, hai música…».

Noites comezará este mesmo venres con improvisación teatral, patinaxe, bádminton, defensa persoal, yoga, tenis de mesa, debuxo, pandeireta, baile tradicional, fútbol sala… Unha sinxela mostra  do que está por vir. 

Gómez si quixo subliñar a importancia de contar cun espazo como é o ‘Espazo aberto’ onde calquera rapaz ou rapaza pode acudir sen maior pretensión que coñecer xente, socializar e pasar un anaco acompañado doutras persoas que non buscan unha actividade guiada, senón pasar un anaco en compañía.

Dentro das actividades deste ano, cómpre destacar como novidade ‘A máquina do tempo’, unha proposta singular que rescatará actividades do pasado, que hoxe poden non ter moito sentido ou semellar desfasadas polo paso dos anos. Non se poderá saber que actividade ou proposta aparecera na nomeada máquina, mais, por poñer un exemplo, hai 25 anos unha das actividades estrela de Noites Abertas era ‘Iniciación a Internet’. Xa choveu!