O Concello e Civis Global asinan o contrato da reforma da Santiña, pendente da acta de replanteo para iniciar as obras

22

Rematada a fase de tramitación, as obras poderán iniciarse nas vindeiras semanas unha vez que os servizos técnicos do Concello e da empresa asinen a acta de replanteo da obra. 

O Concello de Pontevedra vén de asinar hoxe o contrato coa empresa Civis Global para a reforma da rúa Santiña, incluída dentro da liña de financiación das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) dos fondos Next Generation da Unión Europea. Rematada a tramitación administrativa, o seguinte paso será a reunión técnica para asinar a acta de replanteo e iniciar a obra que será cuestión de semanas.

A reforma da rúa Santiña, adxudicada por  1.811.898,17 euros (a licitación era de 2.159.850 euros) foi unha das obras priorizadas polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para dotala de financiación e salvala da situación de constriximento ao que está sometido o Concello pola falta dos orzamentos de 2024.

A rehabilitación integral da rúa da Santiña, duns 800 metros de lonxitude, supón dotala de plataforma única cun pavimento continuado para unificar a intervención. Tamén prevé varias zonas arboradas, organizadas en función dos diferentes tramos da rúa pero dándolle un tratamento continuado de paseo e facendo máis brando o percorrido.

Na parte máis próxima á ponte do Burgo está previsto que nos cruzamentos se planten árbores tipo liquidámbar; no seguinte tramo está prevista unha ringleira de ameixeiras púrpuras para suavizar a zona máis industrial da rúa; e xa de cara ao último treito, unha liña de árbores que remata nun conxunto árboreo onde se instalaría unha zona de estancia e, contra a zona máis rural, plantaríase unha ringleira de chopos.

Contémplanse varias áreas de estancia ao longo da rúa, así como unha zona de descanso no extremo norte e a conservación da fonte. O alumeado inclúe iluminación vertical a través de báculos illados ou suxeitos nas fachadas e sinalización de cortesía integrada nos bancos, nos muros e no chan. Por último, ao igual que en todas as rehabilitacións integrais que se realizan en Pontevedra, tamén se acometerá a renovación dos servizos de saneamento e o soterramento dos servizos de electricidade, gas e telecomunicacións.