A retirada de valos publicitarios da cidade súmase ao plan de mellora da calidade dos espazos urbanos de Pontevedra  

78

O departamento de Urbanismo, que dirixe Alberto Oubiña, traballa en incoar expedientes de retirada de valados dos espazos urbanos (públicos ou privados) por falta de autorización e porque deterioran a imaxe da cidade.

Monte Porreiro, San Brais, María Victoria Moreno, Xoán Manuel Pintos ou Pasarón son algúns dos lugares dos que xa se retiraron valados.

A Concellaría continuará adiante noutros lugares da cidade. 

O Concello de Pontevedra continúa adiante coa mellora do espazo público, unha das liñas fundamentais de traballo marcadas polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na súa toma de posesión en xuño do ano pasado. Todos os departamentos municipais están involucrados neste cometido xa que o obxectivo é traballar para acadar a excelencia dos espazos públicos, e así continuar coa estratexia xa iniciada coa retirada das cabinas telefónicas da cidade,  do mobiliario urbano obsoleto e deteriorado, a mellora do mantemento e da reparación de rúas, prazas, parques…

Un deses obxectivos é a mellora da escena urbana na que traballa o servizo de Urbanismo, que dirixe Alberto Oubiña, dando impulso a expedientes de retirada de valados publicitarios dos espazos urbanos, tanto públicos como privados.

É un traballo iniciado a finais do pasado mandato no que se contabilizaron 36 espazos nos que están (ou estaban) situados valados publicitarios, todos eles sen autorización municipal, e que agora se impulsa por parte do concelleiro Alberto Oubiña.

A maior parte dos espazos contaban con dous o máis valados que afean a imaxe urbana da cidade e, nalgún caso, supoñen un perigo dado que non contan con medidas de seguridade acaídas.

Os expedientes instruídos a instancias do Concello, están sendo notificados ben pola APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia) porque se atopan en espazos urbanos susceptibles de ser públicos (15 espazos), ou ben polo Concello, que actúa nos espazos urbanos (públicos ou privados) sen autorización municipal (21 espazos).

Son expedientes moi garantistas e de longa xestión, pero que foron impulsados no novo mandato e que na actualidade xa están a dar os seus froitos. De feito, xa están retirados valados en tres espazos das rúas Xoán Manuel Pintos e Domingo Fontán (7 valados), en Leonardo Enríquez e na avenida de Compostela (7 valados), na avenida de Bos Aires na rotonda de entrada a Monte Porreiro (5 valados), na rúa de San Brais fronte ao centro comercial Carrefour (5 valados) ou na rotonda de María Victoria Moreno coa avenida de Vigo, no Gafos (4 valados), entre outros.

Xa en tramitación ou en carteira están outras zonas da cidade como José Malvar, Gorgullón, avenida de Marín, avenida de Lugo, Josefina Arruti, Valdecorvos, Rosalía de Castro, María Victoria Moreno ou o nó do Pino, entre outros.

Todos estes valados están sendo retirados polas empresas ou propietarios dos predios nos que se atopan.

O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, recorda que « é fundamental coidar a imaxe da cidade tamén nestes aspectos xa que son superficies verticais que carecen de integración visual e deterioran a calidade urbana ». O traballo continuará adiante paseniñamente para seguir cumprindo a encomenda do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para acadar a excelencia dos espazos urbanos.