Actuación integral na praza das Regas de Valdecorvos para mellorar beirarrúas, bancos, papeleiras e os circuítos peonís 

3

A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda estende a Valdecorvos a Campaña de mellora urbana e ambiental para reparar o espazo público da praza das Regas.

Repararanse as beirarrúas, pecharanse escavas de árbores, colocaranse máis bancos, retiraranse papeleiras e colocaranse outras de maior capacidade e refarase un camiño feito pola veciñanza para conectar a praza dende a parte baixa á alta. 

O Concello de Pontevedra ampliou nestes días a Campaña de mellora urbana e ambiental da Concellaría de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda, ao barrio de Valdecorvos, en concreto ao ámbito da praza das Regas, onde se traballará durante varias semanas en distintos aspectos. Tal e como se comprometera o concelleiro coa veciñanza do barrio, a actuación iniciouse a mediados de febreiro cunha limpeza integral de todo o ámbito de actuación, que logo houbo que parar polas constantes chuvias. 

Os traballos retomáronse a pasada semana coa reparación da beirarrúa que delimita a praza das Regas ao carón dos edificios. Trátase dun espazo moi poboado de árbores cuxas raíces están a desmontar a beirarrúa, levantando as lousas e derrubando os bordos. Polo tanto, a Concellaría acordou reparar todo o lousado que estea en mal estado e arranxar o bordo cara ao carril de circulación para que non resulte perigoso nin para peóns nin para condutores.

Ademais, está previsto pechar as escavas que xa non teñan árbores xa que se trata dunha beirarrúa con moito arborado e a zona de sombra está suficientemente cuberta.

Ao mesmo tempo, acondicionarase un camiño de pés feito pola veciñanza no lado de enfronte da praza que empregan para atravesar dende a rúa da Seca ás zonas verdes da rúa da Sequiña. Trátase dun carreiro moi empregado que a Concellaría pretende anchear e acondicionar para que resulte máis cómodo e accesible para os veciños.

Entre os labores está a revisión de todo o mobiliario da praza: bancos e papeleiras. De feito retirarase un banco en mal estado situado entre as árbores da rúa, e colocaranse novos na parte superior da praza que é o espazo máis soleado, e cara o novo parque canino acondicionado no barrio. Ademais, supervisaranse as papeleiras para retirar todas as que estean en mal estado e substituiranse por outras novas, modernas e de máis capacidade.

Estes labores de recuperación da praza compleméntanse co parque canino recentemente habilitado no fondo da praza das Regas. A instalación está practicamente rematada pero está pendente da conexión de auga para poñelo a disposición da veciñanza.

Os espazos públicos, liña central do mandato

Cabe lembrar que o mantemento e o estado de conservación dos espazos públicos é unha liña central de traballo no novo tempo aberto polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Bancos, pavimentos, papeleiras, escavas, zonas verdes, limpeza… son elementos do ámbito urbano que neste novo mandato teñen que estar en perfecto estado de revista para o uso dos veciños e veciñas de Pontevedra.

Seguindo a orde dada polo alcalde Lores, a Concellaría de Servizos urbanos básicos que xestiona Xaquín Moreda iniciou unha liña de traballo de supervisión integral dos espazos públicos actuando en todos os seus aspectos: pavimentos, zonas verdes, parques infantís… até ir peiteando toda a cidade. Os traballos consistirán nunha limpeza xeral integral para poder traballar seguidamente en reparacións ou substitucións de bancos, pavimentos, papeleiras, escavas, podas de árbores, mellora das contornas dos espazos infantís…

Esta campaña comezou polo barrio de Estribela e continuou por Monte Porreiro, onde nestes días se realiza o acondicionamento dun estacionamento en superficie. Nas próximas semanas continuará polo barrio das Corvaceiras e pola Parda, entre outros lugares.