O alcalde asinará este xoves o decreto da Alcaldía que permitirá a aprobación definitiva dos orzamentos municipais 

59
Os novos orzamentos entrarán en vigor no mesmo intre no que sexan publicados no Boletín Oficial da Provincia, ao redor dos próximos sete días
Fernández Lores explica que esta «é unha excelente noticia para o Concello» ao ser estes uns «orzamentos excepcionais e imprescindíbeis para que Pontevedra avance» 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este xoves, 21 de marzo, que nesta mesma xornada asinará o decreto da Alcaldía que permitirá a aprobación definitiva dos orzamentos municipais. 

Unha vez asinado e remitido, este deberá ser publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP), intre no que se fará efectiva a súa entrada en vigor. Desde ese momento, o Concello de Pontevedra poderá facer uso do mesmo e comezar a operar con normalidade. Cómpre lembrar que os orzamentos do 2024 ascenden a 94 millóns de euros.

«Esta é unha excelente noticia para o Concello e especialmente para todos os cidadáns que obviamente sufriron os atrancos durante estes tres meses», indicou o rexedor. «Falamos duns orzamentos excepcionais e son imprescindíbeis para que Pontevedra continúe avanzando. Superamos, creo que con éxito, unha situación excepcional os atrancos que durante estes tres ou catro meses puxeron os grupos da oposición para a aprobación dos orzamentos».

Fernández Lores, que estivo acompañado na súa comparecencia do edil responsábel de Economía e Facenda, Raimundo González, lembrou que se ben o Concello iniciará unha nova etapa con estes orzamentos, «axilizará o máximo posíbel todos os expedientes pendentes ou atrancados, mais hai moitísimos, o cambio non se producirá dun día para outro. Necesitaremos un chisco de tempo para facer operativo este orzamento». Neste sentido, o alcalde quixo agradecerlles a todos os servizos municipais o traballo «excepcional» que tiveron que facer para aprobar estes orzamentos.

Doutra banda, o rexedor sinalou que non foi recibida ningunha alegación taxada durante o período de exposición pública que faga necesario levalas a pleno. As distintas alegacións que se presentaron foron rexeitadas por parte dos servizos técnicos municipais, polo que queda permitida a aprobación. Porén, Fernández Lores explicou que dará conta no pleno sobre a sinatura deste decreto, se ben o proxecto dos orzamentos xa non volverá ser debatido ou votado pola corporación municipal.