O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou o papel da administración local á hora de facer realidade a ampliación do actual hospital, ao tempo que subliña o «cumprimento dos compromisos» que o Concello realizou no seu día
Desde esta mañá, a parroquia de Mourente conta cun novo vial que rodea o hospital de Montecelo. Trátase dunha nova vía de circulación de dous carrís que conecta a través de dúas redondas a contorna do Príncipe Felipe coa rúa Ángel Limeses, preto do comezo do actual aparcadoiro público de Montecelo.
A creación deste vial responde á necesidade de mellorar o acceso do que será o novo hospital —o Gran Montecelo—, e está enmarcada dentro da colaboración e o convenio asinado polo Concello de Pontevedra á hora de facer realidade a ampliación do actual centro hospitalario.
A obra en cuestión, que fixo posíbel a construción desta vía, contou cun orzamento de 1.161.479 euros. Así, a día de hoxe, e tal e como sinalou Fernández Lores, o investimento realizado ou contemplado pola administración local chega até os 16 millóns de euros, dentro do que se inclúen as expropiacións realizadas pola Xunta para acometer as obras, a posta en marcha dun novo sistema de abastecemento de auga sen bombeo desde Castrosenín, a mellora da recollida de pluviais, a mellora dos sumidoiros ou a ampliación da acometida eléctrica.
No referido á nova vía, que xa pode ser transitada tanto a pé como en vehículo, ten limitada a súa velocidade a 30 qm/h, conta con pasos de peóns elevados e unha iluminación axeitada en todos os puntos da mesma.
No paseo inaugural realizado hoxe polo lugar, estivo presente, ademais do alcalde de Pontevedra, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera,; e o xerente da área sanitaria. Ambos os tres destacaron que o proxecto de construción do Gran Montecelo é posíbel grazas a unha colaboración e unha lealdade exemplar entre as tres administracións (Xunta, Deputación e Concello).
O rexedor da Boa Vila, destacou na visita ao vial realizada esta mañá que «o convenio coa Xunta está practicamente rematado, o que quere dicir que o Concello cumpre os seus compromisos». «Creo que hoxe podemos manifestar a nosa satisfacción pola posta en marcha dun vial que responde distintas necesidades e que durante as obras puido xerar algún problema aos pacientes e á veciñanza da zona que agora xa ve o resultado final e poderá utilizalo».