Lores revela a posta en marcha dunha «ofensiva política»á hora de esixirlle á Costas o remate do paseo a Marín 

50
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou esta mañá que esta semana remitiralle unha carta á ministra Teresa Ribera para que lembre os compromisos que o Estado ten coa Boa Vila
«De ningunha maneira imos aceptar que o Goberno incumpra os compromisos que ten con Pontevedra. En Madrid vén as cousas de xeito distinto a como as vemos aquí», indicou. 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa co obxectivo de comunicar de xeito público que o Concello de Pontevedra realizará unha ofensiva política para que a construción do paseo da ría cara Marín sexa unha realidade no futuro. 

Cómpre lembrar que a semana pasada, a dirección xeral de Costas indicou nunha xuntanza co Concello de Pontevedra que non existía na actualidade intención de levar ao cabo o proxecto de construción que no seu día estivo proxectado e licitado por parte do Goberno do Estado. 

«Non se lle escapa a ninguén que o paseo a Marín é unha iniciativa nacida no Concello de Pontevedra e é, realmente, un tema moi sentido pola cidadanía da Boa Vila e, por suposto, pola de Marín», sinalou o rexedor. «Levamos moitos anos con este tema e todos vemos como centos e miles de persoas gozan deste paseo semana a semana».

O alcalde revelou que o Concello fará «unha ofensiva política para que o Ministerio de Transición Ecolóxica e Costas cumpran cos compromisos asinados con Pontevedra». «Estamos a falar de cousas que hai case 20 anos que comezamos a negociar este asunto con Magdalena Álvarez, logo asinamos con Pedro Blanco no ano 2009, e aquí se recollían cousas como a mellora da estrada de Ourense, a circunvalación de Pontevedra, o nó de bombeiros, o nó do Pino e, tamén este paseo a Marín. Isto vén de vello».

Fernández Lores explicou que será remitida unha carta á vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, porque «ten o compromiso de atopar unha solución á hora de cumprir os compromisos con Pontevedra». «De ningunha maneira imos pasar por alto que non se cumpran estes compromisos. Nós temos dentro do noso xeito de actuar a lealdade institucional con todas as administracións e ofrecer a máxima colaboración, pero de ningunha maneira imos aceptar que non se cumpra co paseo a Marín xa que vai en contra dos intereses dos pontevedreses, dunha enormísima maioría da veciñanza». 

«En Madrid ven as cousas de maneira diferente a como as vemos aquí e non están a medir as consecuencias. Non ten nada que ver este paseo con outros problemas que ten a chamada autovía de Marín e nada ten que ver o paseo coas inundacións que se dan neste espazo», lembrou o rexedor. «Estou algo canso dos atrancos que se dan nos compromisos que temos co Estado e cos distintos proxectos. As solucións que poida ter ou dar o Estado ao paseo non nos importan. Prestábanos o proxecto que estaba adxudicado, pero que busquen as solucións que teñan que buscar, pois non imos pasar polo incumprimento dos compromisos».