O director do Consello europeo de Seguridade Viaria define a Pontevedra como «o futuro da seguridade viaria urbana» 

34

Antonio Avenoso explicou que na súa visita a Pontevedra como membro do proxecto EU Road Safety Exchange sentiuse «coma nun soño» polos fitos logrados na Boa Vila no referido a accesibilidade, mobilidade e seguridade viaria 

Este xoves, O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu en rolda de prensa acompañado dos membros do proxecto xestionado pola Comisión Europea ‘EU Road Safety Exchange’, que durante dos dúas visitaron a cidade, así como distintas dependencias, para afondar e comprender os elementos que fixeron posíbel a transformación urbana, poñendo o foco en todos aqueles relacionados coa seguridade viaria.

O rexedor sinalou que esta visita formaba parte dun proxecto derivado da Comisión Europea ao redor da seguridade viaria, lembrando ademais que Pontevedra foi galardoada co Primeiro Premio de Seguridade Viaria Urbana da Unión Urbana, no ano 2020. «Hai distintos países que están a facer estudos de seguridade viaria e dentro deses traballos hai exemplos de boas prácticas e, neste caso, o goberno de Mirandela, en Portugal, escolleu a Pontevedra como tal», sinalou.

«A impresión que eu teño, logo de conversar e falar con eles, e que consideran que a Boa Vila é un bo exemplo non só na teoría, senón tamén na práctica», explicou Lores.

Así, o director do Consello Europeo de Seguridade Viaria (ETSC), Antonio Avenoso, indicou que o proxecto EU Road Safety Exchange contaba con financiamento do Parlamento Europeo, xestionado a través da Comisión Europea. «A idea do proxecto é doada: coñecer as boas prácticas nos países da UE e como aplicalas a outros países», sinalou. «Temos 19 países involucrados e coñecíamos Pontevedra polo premio que lle foi outorgado, mais o que vimos aquí foi unha enorme sorpresa».

«Eu síntome coma nun soño. Pontevedra conta coa seguridade e a mobilidade viaria como debería ser en todos os países e cidades do mundo», sentenciou. «Quero que todos os socios desta da Unión Europea poidan ver cos seus ollos o que Pontevedra fixo. Isto é o futuro da seguridade viaria urbana».

Avenoso destacou e subliñou como elementos máis sorprendentes a convivencia amábel entre peóns de todas as idades e os vehículos ou a mínima presenza de coches nas entradas dos colexios, que definiu como «impresionante».