O XVI Encontro de Palilleiras Cidade de Pontevedra achegará até a Boa Vila a centos de practicantes deste clásico oficio  

325
Este ano, habilitarase a Sala de Exposicións do Pazo da Cultura como punto de encontro principal ao longo de todo o día do 21 de abril, entre as 10.00 e as 14.00 e as 16.00 e as 19.00 horas
Tanto a organización do evento, a asociación A Fieitiña, coma o Concello de Pontevedra animan a toda a veciñanza a que visiten o lugar e se sorprendan cos avances na técnica de encaixe de palillos

A Sala de Exposicións do Pazo da Cultura acollerá este 2024 o XVI Encontro de Palilleiras Cidade de Pontevedra. Unha cita clásica como poucas, que se desenvolverá ao longo de toda a xornada do 21  de abril, tendo as súas portas abertas a todo o mundo entre as  10.00 e as 14.00 e as 16.00 e as 19.00 hora da nomeada data.

O Encontro de Palilleiras é unha fermosa e valiosa oportunidade para coñecer de preto un oficio clásico e unha técnica de encaixe que garda especial relación co país galego, pero que nas últimas décadas experimentou unha evolución certa.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou hoxe na presentación oficial do programa, explicando que este ano a coincidencia cun evento no Recinto Feiral obrigou a modificar o espazo habitual co que contaba a organización do evento, a asociación A Fieitiña. Porén, nas vindeiras edicións, o compromiso do Concello de Pontevedra é recuperar a localización orixinal no Recinto Feiral.

«Quero agradecerlles a súa comprensión, xa que haberá unha redución no número de palilleiras, por iso quero agradecerlles o seu traballo á hora de modificar o programa previsto e lembrarlles que nos anos vindeiros volverán contar co Recinto Feiral para acoller a todas as palilleiras do país que nos visitan», sinalou. «Animamos a toda a veciñanza de Pontevedra que se achegue ao Pazo e poida ver a arte que realizan as palilleiras».