Louro impulsa a simplificación administrativa na tramitación das licenzas de actividade comercial e obras menores

98

Máis de mil solicitudes ao ano de apertura de negocios, cambios de titularidade e obras menores beneficiaranse da nova Ordenanza de Simplificación Administrativa que a Concellería que dirixe Antón Louro, aprobará nos próximos meses. O debate comezou hoxe na Comisión de Urbanismo.
Louro, que entregou o borrador da ordenanza aos grupos da Oposición para a realización de suxestións previas á tramitación da nova normativa municipal, subliñou que o Concello cambia o xeito  de relacionarse cos cidadáns: “En lugar de comprobar a priori os criterios para a concesión dunha licenza farémolo a posteriori”. “Fiámonos do cidadán”, engadiu, “que xa non ten que presentar toda a documentación legal, senón declarar responsablemente que dispón dela e tela a disposición para unha comprobación posterior”.
O concelleiro destacou que trátase dun cambio normativo de enormes repercusións para os cidadáns, pois máis da metade dos expedientes que entran nos servizos municipais de Urbanismo tramitaranse por este procedemento simplificado. A partir de agora bastará con solicitar as licenzas e se pasados 15 días non se recibe notificación en contrario, os solicitantes poderán executar as obras ou abrir o negocio.
Demostramos, subliñou Louro, un apoio claro do Concello aos emprendedores porque vai ser moito máis rápido abrir un negocio na cidade. Do prazo legal de tres meses que dá a lei dá para a concesión das licenzas, pasamos a unha única mañá. A simplificación afecta tamén moi directamente ás obras menores (ás que non afectan á estrutura nin implican aumento de volume). Así, redúcese a tramitación legal dun mes a só unha mañá.
A causa desta nova Ordenanza desaparecerá a vía do bando de Ornato que no Concello de Pontevedra viña utilizándose para impulsar as obras nas fachadas. O bando recobrará a súa función orixinal de instar á limpeza, ao bo estado e decoración das edificacións, pero xa non amparará obras menores, que se tramitarán durante todo o ano polo novo procedemento simplificado.
Louro destacou que a Ordenanza non vai significar unha “coadeira” de irregularidades posto que o incumprimento da ordenanza por parte dos solicitantes implicará o peche inmediato da actividade, a apertura dun expediente de disciplina urbanística e as correspondentes multas, ademais das accións legais ás que poda acudirse para os casos en que se produzan ilícitos de calquera tipo. O corpo de inspectores do servizo de Disciplina Urbanística, o persoal municipal que se  designe e a Policía Local serán os encargados deste labor.

SUPOSTOS CONTEMPLADOS

ACTIVIDADES COMERCIAIS

Se non son necesarias obras de acondicionamento:
Están incluídas nesta Ordenanza un amplo abano de actividades comerciais e só se exclúen ás que, segundo a lei, requiren de licenza convencional por estar sometidos ao trámite de incidencia ambiental, requerir de informes sectoriais (especialmente sanitarios) ou estar afectadas polo Regulamento de Espectáculos.
Polo tanto quedan excluídas todo tipo de fábricas, comercios con algunha actividade industrial ou con aparellos que podan resultar molestos e, en xeral, os establecementos hosteleiros como bares e cafeterías.

Son necesarias obras de acondicionamento de escasa entidade:
Poden tramitarse por procedemento simplificado, agás no Centro Histórico onde deberá de pedirse licenza ordinaria.
Unha vez rematadas as obras, a apertura do local tramítase tamén por procedemento simplificado.

Son necesarias obras de acondicionamento de envergadura:
Nestes casos, ao afectar as obras á seguridade, ás normas contraincendios e/ou a accesibilidade deberán solicitar licenza convencional para estas obras. Unha vez executadas, poderá acudir ao procedemento simplificado para a apertura do local.

OBRAS MENORES

Nas obras menores exclúense as que se sitúan en edificios situados como fóra de ordenación (neste caso deberán tramitar ordinariamente a licenza), ou as construídas sen licenza municipal ou que conten con expediente disciplinario aberto.
Entran, polo tanto, obras tan habituais como:
Arranxos en fachadas, tellados, medianeiras, canles e baixantes, mantemento de baixos ou cerramentos, limpezas e conservación de soares, colocación de cristais, pintados…
A única limitación, nestes casos, vén para as obras que requiran estadas de máis de seis metros de altura. Nestes casos, para optimizar a seguridade, esixirase licenza convencional. En todo caso, a colocación de estadas na vía pública requerirá de autorización específica.
Quedan expresamente fóra do procedemento simplificado as obras de peche de balcóns e terrazas, a apertura de ocos en fachadas ou as obras que varíen os materiais ou a composición de fachadas e cubertas.
No Centro Histórico só se poderán facer por tramitación simplificada as limpezas de fachadas con auga a baixa presión e sen químicos, a colocación de cristais, limpezas e pintados nas cores tradicionais admitidas polo “Peprica” e substitucións de tellas. Todas as demais, deberán tramitarse ordinariamente.

DOCUMENTACIÓN NECESARIA

En todos os casos, os solicitantes deben presentar:
Formulario único (descargable da Internet e dispoñible no Concello).
Fotocopia DNI ou escritura da sociedade no caso das empresas.
Xustificante do pago das taxas da licenza correspondente.
Referencia catastral.

ACTIVIDADES COMERCIAIS
A maiores pídese:
Declaración responsable sobre a certeza do manifestado no formulario único.
Compromiso de cumprimento das leis e normas aplicables.
Compromiso de adaptación a leis e normas futuras.
Indicación da data do inicio da actividade.
Declaración de que posúe no local copias da documentación técnica esixible e o xustificante de pago de taxas.

OBRAS MENORES
A maiores pídese:
Plano de situación.
Orzamento das obras.
Fotografías do estado actual.
Copia ou referencia da licenza do edificio ou local.