Segue Ponteverán

93

Este venres días 6 ás 9h. da mañá 50 nenos e nenas entre 8 e 14 anos viaxarán en autobús ata Quiroga para gozar durante 10 días do CAMPAMENTO DE TEMPO LIBRE que organiza o Departamento de Xuventude do Concello de Pontevedra  a través do seu programa de tempo libre "Ponteverán".

Tamén este venres ás 19h. no Estadio da Xuventude comeza o curso de INICIACIÓN Á ORIENTACIÓN, impartido por membros do Club de Montañeiros, e que durante a xornada do sábado desenvolverá a súa parte práctica no monte da parroquia de Campañó (lugar de concentración: explanada ao lado do Colexio Os Sauces ás 9h). Nesta actividade figuran inscritas máis de 30 persoas de todas as idades, e destaca por ser unha actividade grupal e na que participan familias enteiras. A partir das 9h. do sábado percorrerán cunha serie de probas de orientación no monte de Campañó, poñendo a proba os contidos da xornada teórica do venres, onde aprenderán a ler un mapa e a orientarse con brúxulas e compases.

Por outra banda, o luns continúa en marcha o CAMPAMENTO URBANO I con 50 nenos e nenas de entre 8 e 12 anos no colexio Álvarez Limeses. O campamento segue cos xogos, obradoiros e visitas a centros de interese da nosa cidade, ademais de ter prevista unha acampada na veciña parroquia de Xeve o xoves 12 e o venres 13 para rematar e dar paso ao CAMPAMENTO URBANO II que se desenvolverá ata final de mes e no que participarán outros 50 nenos/as.

O luns día 9 tamén dará comezo o CURSO DE INICIACIÓN Á FOTOGRAFÍA, onde participarán 16 mozos e mozas nunha das actividades máis demandadas na Oficina de Xuventude para o verán.

Á súa vez, lembramos que continúa aberta a inscrición de equipos para participar no IV TORNEO DE FÚTBOL 7 PONTEVERÁN-CAFYD que terá lugar nos campos de herba sintética da Xunqueira os días 14 e 15 de xullo. As categorías son: cadete masculino, xuvenil masculino, senior masculino, categoría agrupada feminina. A inscrición de cada equipo é de 30 €.

Aínda quedan prazas dispoñibles nalgunhas das actividades . A programación pode consultarse en www.ponteveran.info     As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina de Xuventude municipal ubicada na Casa Azul en horario de mañá de 8,30 a 14,30h. ou a través do mail  xuventude@pontevedra.eu

Mencionar que todas as actividade do programa Ponteverán contan con cotas populares moi reducidas e descontos importantes para familias numerosas, familiares directos e mozos/as con Carné Xove. Ademais de reservarse, como cada ano, un 10% das prazas para familias usuarias dos Servizos Sociais municipais.