O Centro Deportivo de Campolongo celebra este sábado a súa Maratón Fitness de portas abertas

75

O Centro Deportivo de Campolongo (o complexo que popularmente se coñece como “as piscinas de Campolongo”) acolle este sábado, día 19, unha xornada de portas abertas pensada para toda a familia. A oferta consiste nun amplo abano de actividades gratuítas para pasar o día facendo deporte.
O Maratón Fitness foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o director do complexo deportivo, Roberto Cancelas.
Para participar non é preciso apuntarse. Basta con acudir ás instalacións e anotarse na Recepción. Hai que acudir con roupa cómoda ou deportiva.
Agustín Fernández destacou que o obxectivo é acercar o deporte aos cidadáns e poñer en valor un recinto deportivo tan importante socialmente como o de Campolongo. Enxalzou, ademais, a aposta da concesionaria, Serviocio, nuns tempos nos que resulta moi complicado acadar patrocinios privados para todo tipo de actividades.
Roberto Cancelas subliñou que a xornada foi deseñada este ano para toda a familia,  facilitando así o acceso simultáneo de adultos e rapaces. Ata agora había a queixa de que os pais non tiñan con quen deixar aos fillos, explicou, polo que se decidiu montar unha gardería deportiva e obradoiros específicos.
Divídese en horario de mañá (de 10 a 13.30 horas) e tarde (de 16 a 20.30 horas). Pola mañá hai actividades de sala (pilates, body combat, zumba, ciclo, bodypump, aerojump, hip hop, etcétera). Pola tarde mantéñense as actividades de sala, pero incorporaranse outras exteriores como a de rocódromo, tirolina, tiro con arco e aquagym. En todo momento haberá catro ou cinco actividades diferentes para escoller.
Máis información sobre os horarios e actividades no sitio www.serviocio.es.