As ludotecas de Nadal manteñen a mesma oferta de prazas e apostan polo rural e Monte Porreiro

41

O programa municipal de ludotecas mantense sen recortes. É unha aposta polo Ensino público de calidade, subliñou hoxe o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, no que o Concello está firmemente comprometido. O edil presentou esta iniciativa acompañado do presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais, Alberto Pita.
As ludotecas, definidas como unha peza central da política educativa municipal, están dirixidas a nenos/as de 3 a 12 anos e celebraranse do 23 de decembro ao 8 de xaneiro, cubrindo así o período vacacional. O horario mantense, dende hai dous anos, entre as 9 e 14 horas, co obxectivo de equiparalo ao escolar e facilitar ao máximo a conciliación da vida familiar e laboral.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo luns, 9 de decembro. As persoas interesadas deben dirixirse á oficina da Fanpa (rúa de Xan Guillermo, 9). O formulario de inscrición pode descargarse xa en www.nontedurmas.org. O prezo é de 30 euros, pero queda en 20 euros para as familias numerosas ou para as inscricións a partir do segundo fillo. Agustín Fernández subliñou que é unha tarifa fortemente subvencionada polo Concello, a través do convenio coa FANPA. Alberto Pita indicou que o custo real da praza é moito máis elevado e que o Concello achega en torno ao 40%.
O número total de prazas ofertadas é de 240, é dicir o mesmo que o dos últimos anos, dado que se ten comprobado que é suficiente para cubrir a demanda que se xera nestas datas.
Alberto Pita recalcou a vocación deste programa por atender as necesidades no rural e de Monte Porreiro, pois 180 prazas son urbanas e as restantes 60 están no popular barrio e nas parroquias.
A oferta desdóbrase entre as ludotecas en galego “Un Nadal encantado” (situadas nos colexios Manuel Vidal Portela, Campolongo, Cabanas e Marcos da Portela) e en inglés “Christmas Time” (Parada-Campañó e nunha localización urbana aínda por determinar).
Os rapaces participarán nun proxecto educativo, pero tamén lúdico, que inclúe actividades de xogos deportivos, elaboración de doces, contacontos, obradoiros, teatro, xogos de orientación, caracterización, música, viaxes polos Nadais do mundo e obradoiro de decoración. Haberá tamén festas de fin de ano, baile-guateque e visita dos Reis Magos.
Para tramitar a matrícula precísase fotocopia do DNI da nai/pai/titor e do neno/a ou libro de familia, fotocopia da tarxeta sanitaria, fotografía carné, acreditación de familia numerosa, declaración xurada de familia monoparental, certificado escolar ou documento que acredite que o neno estuda nun colexio público de Pontevedra, empadroamento ou certificación de convivencia e número de conta bancaria.
A Federación Provincial de ANPA de Pontevedra e o Concello, xunto coas empresas que desenvolverán as ludotecas convidan a todos os titores a participar nunha reunión informativa na propia sede da FANPA o próximo xoves, 19 de decembro. A cita é ás 20.00 horas para as ludotecas “Un Nadal encantado” e ás 20.20 horas para os das ludotecas en lingua inglesa.