A Concellería de Urbanismo investirá máis de medio millón de euros na reurbanización integral de tres rúas

61

As obras nas rúas de Víctor Cervera Mercadillo e Gerardo Álvarez Limeses (no barrio de San Antoniño) e da segunda fase da rúa de Blanco Porto comezarán entre mediados de agosto e principios de setembro. As tres actuacións, que impulsa o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, foron adxudicadas hoxe provisionalmente pola Xunta de Goberno Local.

Louro destaca que estamos diante dunha paquete de obras de rehabilitación integral de rúas cun orzamento de adxudicación que totaliza 505.717 euros. As tres actuacións estarán rematadas antes de fin de ano, toda vez que os trámites para a elección das empresas contratistas están practicamente rematados.

As empresas seleccionadas dispoñen agora de 10 días para entregar a documentación e comezarán a traballar antes do prazo máximo dun mes, conforme aos proxectos aprobados polo departamento de Urbanismo e presentados hai varias semanas aos veciños.

As obras da rúa de Víctor Cervera Mercadillo estarán a cargo de Oresa cun orzamento final de 131.258,64 euros. O prazo inicialmente previsto ronda os 4 meses. No caso de Gerardo Álvarez Limeses, a seleccionada é Covsa e o orzamento sobe ata os 221.846,85 euros, cun prazo máximo de 5 meses. Finalmente, Blanco Porto estará a cargo da firma Construcciones EC Casas, que dispón dun máximo de catro meses. Louro anticipa que agarda que os traballos rematen antes dos prazos autorizados.

Os principios que inspiran as tres actuacións son idénticos: ampliación das beirarrúas e mantemento da circulación rodada nas mesmas condicións que ata o de agora. Ao tempo, mantense a capacidade de estacionamento, especialmente na rúa de Álvarez Limeses, onde a maior anchura permite crear dúas bolsas con capacidade para 24 vehículos.

Antón Louro explica que nas dúas vías do barrio de San Antoniño hai beirarrúas inferiores a 80 centímetros e contan cunha superficie absolutamente irregular. Ao mesmo tempo, outra das deficiencias máis significadas na zona é a obsolescencia das redes de auga, pluviais e saneamento, polo que deberán ser completamente renovadas. No que atinxe á iluminación, aproveitaranse as luminarias led recentemente instaladas, pero ao deseñarse novas beirarrúas con anchos de 2,5 metros, serán recolocadas sobre báculos ao bordo da calzada.

No caso de Blanco Porto, as obras permitirán finalizar a actuación realizada na recta final do pasado ano, cumprindo tamén así o compromiso alcanzado cos veciños e comerciantes.