As visitas á rede de información turística municipal incrementáronse un 20% durante a Semana Santa

112

A Semana Santa foi excelente para Pontevedra. Así o afirmou a concelleira de Turismo, Carlota Román, quen destacou que a rede turística municipal atendeu a 2.177 visitantes nos tres puntos de información dos que dispón a cidade. A cifra supón unha suba do 20% ao respecto do ano pasado. A suba foi especialmente significativa no turismo nacional (27%), mentres que hai baixa escasamente significativa, do 6%, no turismo internacional.
Carlota Román destacou que o tempo deste período vacacional foi decisivo para que se rexistraran estes bos datos, nos que Pontevedra amósase en sintonía coas Rías Baixas e outras zonas turísticas de Galicia. Ao tempo, subliñou que os datos recollidos (recalcando sempre que son visitantes ás oficinas turísticas e non o total de turistas) apoian o esforzo por centrar as campañas de promoción no mercado interior español e portugués.
A Concellería de Turismo mantivo abertos os tres puntos de información, que rexistraron unha afluencia similar (764 visitas á Casa da Luz, 761 en Vialia e 632 na caseta da praza de España).
Case o 25% dos visitantes nacionais procedía de Madrid, seguidos dos vascos, cun 14%. Entre os estranxeiros, predominio dos portugueses. Carlota Román subliñou que case o 30% dos visitantes estivo aloxado en hoteis de Pontevedra, seguidos polos que escolleron a área de Sanxenxo, cun 20%.
En canto ao perfil do visitante, explicou que predomina o turismo familiar que chega, fundamentalmente, en coche.
Finalmente, mantivéronse as visitas guiadas ao Centro Histórico, con case 100 persoas.