Once concellos volven pór en marcha o Club de Debate para o fomento da lingua na mocidade

206

Por quinto ano consecutivo diversos concellos galegos, a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL), poñen o marcha o Club de Debate, un programa co que se incentiva e valora o falar en público, a oratoria, o uso do galego oral ou o pensamento crítico.

Este venres 29 de xaneiro, as persoas representantes dos concellos que fan posible este programa de dinamización lingüística asinaron en Pontevedra a addenda ao protocolo de colaboración co que se organiza este proxecto desde o curso 2011-2012.

Os concellos que organizan esta quinta edición conxunta son once: Ames, O Carballiño, Carballo, A Coruña, Ferrol, Narón, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. A participación confirmada é de trinta e oito equipos mixtos e mais de trescentos cincuenta rapaces e rapazas de entre 3º da ESO e 1º de Bacharelato ou ciclos formativos de vinte e dous centros de ensino.

Despois de pasar nas edicións anteriores a final galega por Pontevedra, Santiago, Ferrol e Carballo, nesta quinta edición será de novo Pontevedra o concello encargado de acollela, seguindo o espírito de que o programa vaia rotando pola xeografía galega. O tema escollido para esa final galega é “En galego hai un mundo de cousas boas” e terá lugar o sábado 30 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A esa final chegarán oito equipos, que serán os dous primeiros clasificados de cada unha das catro zonas en que se divide a competición: 1. Narón, Carballo e Ferrol. 2. Negreira, Ames e Teo 3. A Coruña. 4 Pontevedra e O Carballiño.

Cada un dos equipos participantes está formado por entre 4 ou 10 rapaces e rapazas de 3º ou 4º de ESO, 1º de Bacharelato ou ciclos formativos, sempre que sexan menores de 18 anos. Os equipos son sempre mixtos e están coordinados por un preparador ou preparadora, que é un/unha docente do centro de ensino.

Todos os grupos participarán previamente aos debates nunha xornada de formación que en cada zona ou localidade ten lugar nunha data distinta, mais que xa servirá para repasar as normas de competición e practicar habilidades comunicativas útiles para os debates, ademais de ser a primeira ocasión en que equipos distintos se coñezan e interactúen poñendo en práctica un dos obxectivos do programa: a creación de contextos favorables ao uso da lingua galega.

Catro fases de zona en Narón, A Coruña, Negreira e Pontevedra, e final galega en Pontevedra

A competición organízase en catro fases de zona e nunha final galega. En cada unha das fases de zona os equipos clasificados recibirán cadanseu premio en material cultural valorado en 500 e 300 euros. O equipo que gañe na final galega do 30 de abril recibirá como premio unha viaxe multiaventura dunha fin de semana para 20 persoas nun lugar no que poidan tamén coñecer novos aspectos da realidade lingüística.

Desde febreiro ata abril iranse celebrando as catro fases de zona, en Pontevedra onde participará o equipo do Carballiño; na Coruña; en Negreira, que acollerá tamén os equipos de Teo e Ames; e en Narón, onde se sumarán Carballo e Ferrol. Os temas sobre os que se debaterá nestas fases de zona están aínda por determinar.

Os dous primeiros equipos clasificados en cada zona debaterán na final do 30 de abril en Pontevedra sobre “En galego hai un mundo de cousas boas”.

Obxectivo de fomentar o uso do galego entre a mocidade

Este Club de Debate é un proxecto cooperativo xestionado polos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos organizadores que procura favorecer o uso da lingua galega por parte da mocidade, especialmente de xeito oral e tanto en contextos formais como informais. O galego é o código a través do cal os e as participantes amosarán a súa fluidez comunicativa, mellorarán a súa capacidade de síntese ou a súa oratoria. E tamén será a ferramenta coa que se pretende promover o pensamento crítico e analítico ou fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo.

O Club de Debate diríxese, por tanto, a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización lingüística, a mocidade, e faino co obxectivo xeral de fomentar a lingua galega activando o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os/as participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

Facebook: Club de debate

Twitter: @mocidadedebate

Addenda Club de debate