O Concello duplica o número de horas do Servizo de Axuda no Fogar e deixa a cero a lista de agarda

29

Dende o mes de xullo, a Concellaría de Benestar Social Municipal ampliou o número de horas que está a prestar no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na modalidade da Lei de Dependencia. Agora o servizo imparte un total de 6.000 horas ao mes das que se beneficiarán arredor de 110 persoas no concello.

Cabe lembrar que o Concello de Pontevedra xestiona dous tipos de SAF: o da Lei de Dependencia B (financiado entre Xunta e Concello) e o Municipal A (este último financiado exclusivamente con fondos municipais). Até o mes de xullo, eran 73 persoas as que estaban adscritAs ao SAF A, e 57 ao SAF B.

No mes de maio a Consellería de Benestar Social comunicou ao Concello de Pontevedra que incrementaba a financiación do SAF B duplicando o número de horas que se ían prestar a partir do 1 de xullo. Pasaríase de 3.000 horas/ mes a 6.000 horas/mes.

Este cambio obrigou á Concellaría de Benestar Social Municipal a modificar a previsión de solicitude de fondos á Xunta de Galicia para financiar este SAF B que realizou no mes de marzo. Naquel momento o Concello estimaba que o custe do SAF B (con 3.000 horas/mes) sería de 532.062 euros, dos cales a Xunta achegaría 343.380 euros e o Concello 188.682 euros.

En base á nova previsión, o servizo terá un custe de 847.692 euros, dos cales a Xunta fará unha achega de 547.080 euros e o Concello 300.612 euros.

Este cambio de previsión foi aprobado esta mañá pola Xunta de Goberno Local. O expediente será remitido á Xunta de Galicia para que confirme a achega do pago do SAF B. Xunto coas novas contías, tamén se solicita a incorporación dun traballador social máis para reforzar o servizo, xa que duplica o seu traballo.

A Concellaría de Benestar Social Municipal entende que con este reforzo do Servizo de Axuda no Fogar respecto da Lei de Dependencia, o Concello acabará ofrecendo arredor de 90.000 horas ao ano de servizo (entre o da Lei de Dependencia e o Municipal) e eliminará a lista de agarda que existía até o de agora. Aínda que son listas que fluctúan cada día, estímase que 110 persoas recibirán o Servizo de Axuda no Fogar de Dependencia, e 53 o Municipal.