Lores pide a Feijóo unha xuntanza xa para falar dos orzamentos da Xunta 2017

32

Decepcionantes e preocupantes. Neste termos cualifcaron o alcalde Miguel Fernández Lores e o concelleiro de Facenda, Raimundo González, o proxecto orzamentario da Xunta para 2017 respecto a Pontevedra. Hoxe mesmo Fernández Lores remitiu unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo co fin de reiterarlle “a solicitude de celebrar unha xuntanza no menor prazo posible, para abordar con detenemento o estado das distintas iniciativas da Xunta na nosa cidade”.

No proxecto orzamentario dado a coñecer “non aparecen reflectidos a maioría dos compromisos que o Goberno galego ten pendente con Pontevedra” sinalou o alcalde.

Foi o concelleiro de Facenda e portavoz do Goberno Local, Raimundo González, quen fizo unha análise máis polo miúdo após de lamentar que “é o octavo orzamento de Feijóo e séguese a discriminar a Pontevedra”. Unha situación máis decepcionante se cabe xa que “na campaña eleitoral promotera invertir a tendencia”.

O único investimento real que aparece é pago da obra dos xulgados da Parda (algo máis de 11 millóns de euros) e unha partida dun millón para o estudo de ampliación de Montecelo, que non para o proxecto Gran Montecelo “pois aparecerían máis anualidade”.

González Carballo lembra que reividicacións históricas “que saíron na campaña eleitoral” non aparecen consignadas en partidas concretas como é o caso da variante de Alba, o saneamento da ría -hai a financiación do 50% dun estudo-, o saneramento do rural, melloras nos centros educativos, mellora da estrada a Vilagarcía ou o soterramento da liña eléctrica de Monte Porreiro.

Tanto o alcalde Miguel Fernández como o concelleiro Raimundo González agardan que os esquecementos podan corrixirse na tramitación dos orzamentos. “É un proxecto e entendemos que pode ser modificado”.