Pontevedra, sede do balonmán estatal e internacional a vindeira semana

61

O Pazo da Deputación de Pontevedra acolleu esta mañá a presentación do Campionato de España de Seleccións Territoriais Galicia 2018 e o XLIII Torneo Internacional de España absoluto masculino “Memorial Domingo Bárcenas”, que convertirán á provincia de Pontevedra na capital do balonmán español tanto na base coma na elite.

No acto de presentación estiveron presentes a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Ánxo Fernández Lores; a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera Lorenzo; o tenente de alcalde de Vigo, David Regades; o presidente da Real Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez; e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Xosé Lois Pérez Ouro, entre outros.

Todas as personalidades quixeron destacar a importancia de senllos torneos e que fose Galicia a sede elixida para a súa organización, dentro dun proxecto de aposta polo deporte, co que máis de 2.200 deportistas estarán en Pontevedra durante os torneos. Ademais acollerán aos hispanos na súa última xornada de traballo antes de partir cara a Croacia para disputar o Campionato de Europa 2018.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva quixo agradecer “a confianza depositada pola Real Federación Española e a Federación Galega, destacando as necesidades de colaborar con outras administracións”. Tamén recalcou que “somos capaces de poñer en valor esta aposta estratéxica polos eventos deportivos” e ofreceuse como posible sede para próximos eventos.

Sobre a aposta estratéxica tamén falou o alcalde de Pontevedra, Miguel Angel Fernández Lores que asegurou que “en Pontevedra hai anos que apostamos polo deporte e os eventos deportivos, pero para dar un paso máis adiante, coma o de hoxe, necesitamos ter coma aliados a máis administracións, para mover a tantos deportistas e tanta actividade. Esta vez alcanzan os 2.220 deportistas, 140 árbitros, máis de 100 equipos e 21 campos”.

Por outra banda, o tenente de alcalde de Vigo, David Regades manifestou a ledicia da súa cidade por acoller este campeonato e asegurou que “para Vigo é moi importante este campionato para que a cidade volva ter un equipo na liga ASOBAL”.

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, manifestou a súa satisfacción pola colaboración existente entre todas as administracións en Pontevedra, o que permite levar adiante grandes proxectos coma o que hoxe se estaba a presentar.

Finalmente, cabe destacar que o presidente da Galega, Xosé Lois Pérez Ouro, expresou a súa satisfacción por ser pontevedrés (de adopción) e da familia do balonmán galego, así como de ver na mesma a todas as administración apostando polo balonmán galego.