Posta a punto do pavimento urbano

49
  • A ringleira de danos causados polas fortes e abundantes chuvias do inverno afecta sobre todo aos espazos e sendas peonís
  • O concelleiro de Obras agradece á veciñanza a información a petición de arranxos que fai chegar aos servizos técnicos a travás da web municipal

O Concello pon en marcha un “zafarrancho integral” de arranxo e posta a punto do pavimento na cidade. O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, xustificou a actuación polos danos no firme causados polas intensas chuvias do inverno e que afectaron sobre todo aos espazos e sendas peonís: lousas e baldosas soltas, que se moven ou rotas. Nesta ocasión o asfaltado das calzadas resistiu mellor as agresións.

“É unha situación excepcional que afecta a toda a cidade” indicou o concelleiro de Obras, quen engadiu que os servizos técnicos están obxectivando os danos, localizados polo propio persoal ou sinalados pola veciñanza, que colabora dun xeito activo co Concello dirixíndose a eles a través do web.

“Recibimos na páxina web 110 solicitudes de melloras en espazos públicos, moitas delas referidas ao pavimento” sinalou Demetrio Gómez, quen agradece publicamente á veciñanza a información achegada o que permite localizar os danos máis rápido. A esta veciñanza diríxese para pedirlle “un pouco de paciencia” pois aínda que “imos a facer un esforzo grande, levaranos un tempo arranxar todo”.

A intensificación dos traballos de mantemento do pavimento está en marcha, xa se está actuando, por exemplo, nas rúas Eduardo Pondal ou Raosalía de Castro e irá a máis nos próximos días. Os traballos de arranxo do pavimento fanse a cargo do contrato municipal de mantemento das vías urbanas.