Trépia trae a arte popular ao centro

161
  • Carme da Silva agradece ao grupo que traia “un bocadiño da cultura rural” á cidade

A praza do Concello será o sábado 6 de abril o centro neurálxico da Aña Urbana, que presentaron esta mañá a concelleira de Festas, Carme da Silva, e os directivos desta asociación, a quen lles agradeceu a súa implicación por traer ao centro da cidade “un bocadiño da cultura tradicional que nos arrodea, porque este é un concello urbano, pero non tan urbano, pois existe unha gran zona rural onde aínda está viva unha boa parte da cultura tradicional”.

Este senlleiro festival cultural de música tradicional -co seu característico toque de leghón e sen el- obradoiros, baile, roteiros polas rúas e prazas da zona monumental e como fin de festa un concerto de Pelepau que dará paso ao serán da Aña Urbana con Rexubeiras, Solimán, Grupos da AC Trépia, entre outros. Unha programación extensa e aberta á participación para celebrar o 10 aniversario de Trépia, a asociación que vai da man da Concellería de Festas, na organización da cita festiva.

Unha das novidades desta edición 10 aniversario será a entrega dun premio á mellor actuación dos roteiros da Aña Urbana. O xurado estará composto pola Xunta Directiva de Trépia.

A Aña é un conxunto de ritos e costumes que se desenvolven en torno aos traballos das labradas do mes de abril. Aínda que existen diferenzas dependendo do lugar, comparten uns trazos comúns: o traballo colectivo da terra unido a cantares específicos para a ocasión, e a execución de ritmos tradicionais tocando en sachas e leghóns. Nalgúns lugares atopamos tamén o baile do ramo, no que un mozo saca a bailar ás mozas levando en alto un ramallo de loureiro que se adobía con panos, rosquillas, lazos,…

Entre os obradoiros deste ano destaca a intervención de Mercedes Prieto, que presentará os “Bailegramas” un libro así titulado de Serxio Cobos, unha descrición dos bailes tradicionais con debuxos, a efectos pedagóxicos.

Programa Aña Urbana 2019

  • 11.00 horas. Apertura da carpa (praza do Concello)
  • 12.00 horas. Roteiros de distintos grupos por distintas prazas da cidade: Peregrina, Curros Enríquez, fronte ao Mercado de abastos, A Leña e praza do Concello
  • 14.30 horas. Xantar
  • 16.00 horas. Obradoiro de regueifas. Con Felipe de Dodro e Rato de Poio
  • 18.00 a 18.30 horas. Obradoiro de toque de leghón. Con Xandre Outeiro
  • 18.30 a 19.00 horas. Obradoiro do baile do ramo. Con Miguel Sotelo
  • 19.00 horas. Obradoiro-presentación Bailescribindo. Con Mercedes Prieto
  • 20.30 horas. Concerto PELEPAU
  • 21.30 horas. Serán da Aña Urbana