Patrimonio instalará nas rúas con nome de muller un panel coas súas biografías

138
  • Josefina Arruti, Amalia Álvarez, María Victoria Moreno, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Vasquida García, Dolores Trabado, Ernestina Otero, Virxinia Pereira, Elvira Lodeiro, Consuelo Acuña, María Vinayls… son algunhas das propostas da Concellaría que xestiona Xaquín Moreda.
  • As primeiras accións son a colocación de paneis en Josefina Arruti, pero a Concellaría pretende completar esta homenaxe coa realización de murais, a sinalización de lugares de represión franquista ou a creación de conxuntos escultóricos.

Dentro do programa A Memoria das mulleres, a Concellaría de Patrimonio histórico que dirixe Xaquín Moreda continúa adiante co propósito de devolver o espazo público ás mulleres tratando de divulgar e homenaxear a contribución que fixeron á historia de Pontevedra. Este traballo comezou poñendo nome a algunhas rúas ou espazos públicos como o parque de Amalia Álvarez ou a rúa María Victoria Moreno, e continuará agora coa instalación de paneis en rúas con nome de muller, e outros proxectos máis ambiciosos no presente mandato.

Estes paneis estarán colocados en rúas que xa teñen nome de muller como Josefina Arruti, Amalia Álvarez ou María Victoria Moreno. Incluirán os datos máis relevantes da súa biografía ou outros datos significativos como frases literarias no caso de María Victoria Moreno, por exemplo.

O primeiro panel instalarase proximamente na rúa Josefina Arruti.

Dentro desta liña de traballo tamén está previsto colocar paneis en rúas adicadas a mulleres sobradamente coñecidas como Concepción Arenal ou Rosalía de Castro, e en rúas de nova apertura pero que xa contan con nomes asignados como Vasquida García, Dolores Trabado ou Ernestina Otero todas elas no ámbito da antiga Tafisa. 

Tamén se buscan espazos para a familia Gama ou Virxinia Pereira, no ano no que se celebran 50 anos do seu pasamento. E a Concellaría tamén busca localizacións para outras mulleres non tan coñecidas pero si moi significativas como Elvira Lodeiro e Consuelo Acuña, fusiladas polos franquistas tras o golpe de Estado; e incluso para María Vinyals, que en 1916 participou na praza da Estrela nun ciclo de conferencias organizado pola Sociedad-Recreo de Artesanos de Pontevedra.

En todos estes espazos, rúas ou prazas instalaranse os citados paneis informativos cun código QR que enlazará coas súas biografías que residen no web Do gris ao violeta, para que os interesados poidan obter máis información sobre as persoas homenaxeadas.

Sinalización e intervencións artísticas

Outra das liñas de actuación, ademais da instalacións de paneis informativos, é a sinalización de lugares que tiveron un especial significado no caso da represión franquista: Concello, Deputación, Escola Normal, Audiencia ou os Soportais, este último moi ligado á represión de comerciantes durante a ditadura.

As intervencións artísticas son outra liña de actuación no presente mandato, segundo anunciou Xaquín Moreda. Trataríase de continuar a senda aberta polo mural da Memoria das Mulleres instalado na rúa Poza dos Canos, creando outros murais ben de homenaxe individual ou colectiva. O concelleiro fixo alusión á señora Lola, que podería ter un espazo protagonista no ámbito de Pasarón.

Finalmente, a Concellaría tamén baralla a creación de conxuntos escultóricos en distintos puntos da cidade que recorden a contribución das mulleres á historia de Pontevedra: as lavandeiras do río dos Gafos, ás mulleres do agro, as costureiras coa máquina na cabeza pasando pola ponte do Burgo, serían algúns dos exemplos