Desenvolvemento Sostible prepárase para ‘xubilar’ 37 vehículos abandonados, unha Vespino… E dúas bicis

21
  • Despois de notificarlles aos interesados a declaración dos vehículos como residuos sólidos urbanos e de que non consten recursos, Iván Puentes deu luz verde a Automociones Catoira para retiralos

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, asinou e remitiu á empresa Automociones Catoira SL nas últimas semanas uns 40 oficios para a retirada e tratamento de vehículos abandonados nas vías públicas. Deste xeito, despois de completarse o correspondente proceso administrativo, no que se instou aos interesados a retiralos e (posteriormente) se lles notificou a súa declaración como residuos sólidos urbanos sen que conste a interposición de recursos de reposición, o edil socialista dá luz verde a este centro homologado para que proceda a ‘xubilar’ 37 automóbiles. Como dato anecdótico, nesta lista figuran unha Vespino 1201 abandonada na estrada de Pontevedra a Marín (PO-546), á entrada do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, e dúas bicicletas que alberga o Depósito Municipal.

Do Depósito terá que retirar tamén Automociones Catoira un Opel Zafira, un Audi A6, un Citroën C4, un Citroën C5, un Peugeot 306, un Ford Scort, un camión Iveco 35C11 e unha furgoneta Ford Transit. Os expedientes incoados polo Servizo de Disciplina Urbanística e Medio Ambiental a raíz de partes realizados por Policía Local, Policía Nacional e Guardia Civil permitirán actuar sobre algún ‘punto quente’ de abandono de coches, como o que se detectou no lugar de A Meán, en Os Praceres, nas proximidades do cemiterio, de onde serán recollidos polo guindastre e tratados como residuos sólidos urbanos ata oito vehículos: dous Renaut Clio, un Ford Focus, un Daewoo Kalos, unha furgoneta Citroën Jumpy, unha Peugeot Expert Combi, unha Fiat Seicento Van e unha Chrysler Voyager.

Completan a lista de oficios remitidos pola Concellería que dirixe Iván Puentes os seguintes automóbiles: un Nissan Micra, abandonado á altura do número 58 do lugar da Hermida, en Marcón; un Citroën C15, preto do número 57 da rúa Pereiras; un Audi A6, na intersección de Loureiro Crespo con Ernesto Caballero; un Fiat Punto e un Seat Ibiza no número 15 de Carabelos, en Mourente (ao carón de Ferros Touriño); un Opel Vectra, na rúa Rosalía de Castro (no estacionamento preto de Sonytel); un Mercedes Benz 190D, á altura do número 3 da avenida de Montecelo; unha Ford Transit no lugar de Barragáns, en Campañó; un Ford Mondeo, na rúa das Hortas; Peugeot 306, na rúa Augusto García Sánchez; un Peugeot 307, na explanada do estacionamento disuasorio de Mollabao; un Seat Ibiza, no quilómetro 88,7 da N-541, en Mourente; un Renault 21, no aparcadoiro traseiro do Pavillón Municipal dos Deportes; un Mercedes 300, no número 101 da rúa da Santiña; un Peugeot 106 XR, fronte ao número 24 da avenida dos Praceres; un Opel Corsa, fronte ao número 6 da rúa Isidoro Millán Mariño; unha Peugeot Expert 1.9, á altura do lugar de Barragáns, en Campañó; un Peugeot 306, no número 51 do lugar de Lampreira; un Peugeot 307, no número 54 do lugar da Barcia, en Marcón, e un Opel Corsa, no número 5 da rúa Arquitecto de la Sota.

Nestes días, Iván Puentes asinou ademais unha resolución pola que se declara como residuo sólido urbano un Citroën Saxo abandonado á altura do número 22 da rúa Martín Códax.

Certificados de descontaminación e destrución

Unha vez proceda á retirada dos vehículos en presenza da Policía Local, a empresa Automociones Catoira SL deberá expedir un documento xustificativo da súa recepción e emitir os correspondentes certificados de descontaminación e destrución. Estes certificados xustificarán a baixa definitiva en circulación do vehículo no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico. 

Con esta nova ofensiva, o socialista Iván Puentes intensifica aínda máis a ‘guerra’ que lles declarou aos coches abandonados nas vías públicas dende que ocupou o cargo de concelleiro, ao seren importantes focos de infeccións e contaminación. O edil de Desenvolvemento Sostible explica que “son ademais moitos os cidadáns que están a axudar na detección dos vehículos, o que permite iniciar con maior celeridade os procesos para dar co paradoiro dos propietarios e, en caso de resposta negativa, poñer en marcha os trámites para a súa retirada”.