O Concello presenta a urbanización dos Campos e recolle as últimas peticións da veciñanza

36
  • O Concello vén de incluír pequenas modificacións no proxecto orixinal do núcleo de centralidade para dar cabida a demandas da veciñanza residente na zona

Os concelleiros de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, e de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, veñen de manter unha xuntanza esta mañá coa veciñanza dos Campos para informar do desenvolvemento das obras do núcleo de centralidade e de pequenas modificacións introducidas sobre o proxecto orixinal.

O principal cambio adóptase precisamente para dar dar cabida a unha demanda veciñal e consiste nunha modificiación do sentido de circulación no vial situado entre a zona de vivendas e a parte posterior do Centro Social dos Campos e do local do GDR. Este vial que orixinalmente estaba deseñado como de subida (entrando desde Pontevedra) quedará como un vial de baixada (saíndo cara a Pontevedra) e, en todo caso, só será de acceso para residentes. No mesmo tramo, na parte frontal das vivendas incluirase unha beirarrúa e unha fileira da calzada destinada a aparcadoiro, que tampouco estaba previsto no proxecto orixinal.

Os concelleiros tamén informaron dunha pequena modificación na zona traseira do Centro Social dos Campos e do local do GDR onde toda a contorna quedará integrada como unha zona verde única para ambos edificios (sen as separacións previstas), retirando os valados e atendendo a criterios de accesibilidade. 

En canto á marcha das obras nos propios edificios, explicaron que no caso do local do GDR foi preciso facer unha pequena modificación debido a que a estrutura estaba en moi malas condicións, circunstancia que non se puidera comprobar ata comezar a actuación, o que fixo necesario unha intervención adicional para asegurala. No caso do Centro Social dos Campos realizarase un cambio de ubicación do almacén, que pasará a situarse debaixo do escenario. Neste momento, os traballos están avanzando precisamente na zona de escenario e gradas, así como na instalación de material illante no tellado para a posterior colocación da tella.

Convén lembrar que as obras do núcleo de centralidade dos Campos, ademais do acondicionamento dos dous edificios mencionados, implican unha intervención integral na zona cunha reordenación de toda a área para mudar o actual tratamento de cruzamento nunha área con carácter de praza pública. Esta actuación tamén inclúe o novo vial de acceso a Monte Porreiro, de 605 metros de longo e con dous carrís de tráfico de 2,5 metros de ancho cada un e unha beirarúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros, e integra os parámetros de calmado de tráfico e de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil e ciclista propios do modelo Pontevedra. 

Os proxectos do núcleo de centralidade dos Campos e do novo vial a Monte Porreiro, cuxas obras comezaron o pasado mes de xuño, suman un investimento de 2.300.000 euros.