A Vida é Movernos ábrenos as portas do benestar mental e emocional a través da percusión

69
  • O programa impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde organiza uns talleres de Percuterapia que se desenvolverán na Alameda o 29 de outubro e o 5 de novembro
  • A actividade será impartida polo músico, terapeuta, percusionista e experto en intelixencia emocional Pedro Campos, en horario de 18:00 a 19:30 horas, en grupos de entre 15 e 20 persoas

A Vida é Movernos continúa imparable na súa teima de ofrecer alternativas de lecer físico e mental ao aire libre para tódolos gustos, idades e capacidades. Tras ofrecernos obradoiros de danza urbana, hip hop, ioga taoísta, pilates, break dance, marcha nórdica, control da ansiedade, risoterapia e bodyfulness, o programa impulsado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, ábrenos agora as portas do benestar mental e emocional a través duns talleres de Percuterapia que se desenvolverán na Alameda (na Casa Azul en caso de choiva) nas tardes dos venres 29 de outubro e 5 de novembro.

A actividade, que permitirá aos participantes adquirir unha serie de destrezas e competencias fundamentais para a vida cotiá en tódolos seus ámbitos, así como enriquecer o seu proceso sensorial, cognitivo e motor, será impartida polo músico, terapeuta e percusionista Pedro Campos, experto en intelixencia emocional, en horario de 18:00 a 19:30 horas e para grupos de entre 15 e 20 persoas. Todos aqueles interesados en inscribirse poderán facelo completamente de balde (ata completar o tope de prazas) no email camposacostapedro@yahoo.es.

Os novos obradoiros foron presentados esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto que contou coa presenza do propio Pedro Campos e do concelleiro socialista Tino Fernández, quen asegurou que entre os seus obxectivos específicos figuran os de “ensinar a relaxación, humanización e coñecemento persoal a través da percusión corporal, alternativa, vocal e tradicional; aprender a buscar o benestar mental e emocional experimentando a música como un proceso que pode aumentar a comunicación e a expresión; favorecer o desenvolvemento emocional; mellorar a percepción, a motricidade e a expresión de problemas, inquedanzas, medos e bloqueos, e actuar como alivio diminuíndo a ansiedade”. “Tamén axuda a mellorar as relacións persoais, aliviando as tensións e creando un adecuado balance físico e emocional -apuntou o edil de Deportes- e permite traballar o rendemento e o potencial individual e de grupo, buscando xerar un compromiso común e fomentando as capacidades existentes”.

Tal e como lembrou Fernández, “esta pandemia deixou importantes secuelas físicas, emocionais e psicolóxicas, con familias que perderon membros, tristeza, ansiedade, depresión…” e o programa A Vida é Movernos naceu coa pretensión “aproveitar os espazos públicos para loitar contra esta situación” e de “trasladar ás rúas esa necesidade que temos de volver a vernos, sentirnos e vivir xuntos”. Por este motivo, o concelleiro animou á xente a inscribirse “nuns talleres que sen dúbida van axudarnos a avanzar no noso propio coñecemento e na conquista de espazos de lecer e de bo humor”. “Pedro Campos xa nos deleitou na I Feira da Saúde e o Benestar PonteSán cunhas sesións de percuterapia nas que eu participei. Son realmente moi divertidas e un momento para desconectar”, afirmou Tino Fernández.

Segundo constatou Pedro Campos, a percusión é unha ferramenta que elimina barreiras psicolóxicas, sociais e culturais e os tambores “xa eran empregados ancestralmente en rituais como método de recuperación da saúde”, porque “a percusión aumenta as ondas cerebrais alfa asociadas a sensacións de benestar e euforia”. Ao seu xeito de entender, a percuterapia, como linguaxe artístico, é un fenómeno cultural, social e á vez comunicacional, que debe ser concibido como unha ferramenta e estratexia pedagóxica e didáctica ao servizo do desenvolvemento integral de todos nós.

Campos, que conta con experiencias en países como Estados Unidos, México, Cuba, Rusia e Guinea Ecuatorial, incidiu en que “a percuterapia non é un simple divertimento, senón unha ciencia que se aplica de xeito divertido e que une varias ciencias, como a neuropsicoloxía, a neurociencia, a intelixencia emocional e a propia musicoterapia”, “O que imos facer nestes talleres é, sobre todo, pasalo ben, e os que veñan van saír moito máis contentos do que chegaron. Á marxe dos elementos de percusión, haberá música en directo”, avanzou o percuterapeuta.

As sesións previstas nestes talleres desenvolveranse en base aos seguintes métodos: 

  1. A percusión corporal (body music ou body percussion): é a produción de sons con golpeos sobre o corpo propio, alleo e outros elementos, usando movementos corporais como aplaudir, usar a boca para emitir sons, asubiar, chasquear os dedos, brazos, mans; aproveitando as coxas, o peito, utilizando os pés, os dedos e outras partes do noso corpo. 
  2. A percusión alternativa: é o choque urbano, que crea ritmos e sons con distintas partes do corpo e con obxectos cotiás. Pódese explorar de maneira individual, pero a súa riqueza e complexidade explotan cando se xuntan varias persoas. Busca son en obxectos de fácil acceso, como tachos, baldes, paus, vasos, mesas, sillas, botellas, etc., así como tamén no propio corpo, xa que calquera ámbito pode ser intervido percutivamente, porque ‘todo soa’. 
  3. A percusión vocal: concíbese como a arte de reproducir os sons e facer música usando a propia voz, a boca e as cavidades nasais. Tamén pode incluír cantar, imitar sons de trompetas, sintetizadores, baterías, cordas e outros instrumentos musicais. 
  4. A percusión tradicional: é a produción de sons con instrumentos de percusión, como congas, timbais, baterías, bombos, pandeiros…